O debate, que se desenvolverá mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, contará coa participación de expertos do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e está dirixido a profesionais, estudantes e cidadanía interesada no desenvolvemento sostible e na planificación territorial
Esta actividade está organizada pola Deputación Provincial de Ourense no marco do proxecto europeo Green Gap
A Aula Formativa do Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá mañá, 6 de novembro, a charla-debate “Da A2030 á Axenda Urbana Local”, organizada pola Deputación Provincial de Ourense no marco do proxecto europeo Green Gap.
Esta actividade insírese en Green Gap Academy, unha das liñas de acción do proxecto, centrada en desenvolver e ampliar as capacidades técnicas e competenciais da poboación de Galicia e do Norte de Portugal en materia de planificación e implementación de infraestruturas verdes e solucións baseadas na natureza.
Un espazo de reflexión sobre sustentabilidade local
O debate contará coa participación de expertos do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e está dirixido a profesionais, estudantes e cidadanía interesada no desenvolvemento sostible e na planificación territorial.
A sesión abordará como os principios da Axenda 2030 poden aplicarse á escala municipal, poñendo o foco no papel das infraestruturas verdes como ferramentas clave para a resiliencia climática, a inclusión social e a equidade de xénero.
Tamén se presentarán metodoloxías innovadoras para detectar vulnerabilidades urbanas, como as illas de calor, e analizarase o caso de Ourense como proxecto piloto na implantación de solucións baseadas na natureza.
Compromiso coa Axenda 2030
O deputado provincial de Innovación, Turismo, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar Tesouro, salientou que “esta é unha mostra máis do compromiso da Deputación de Ourense co desenvolvemento sostible e coa implantación da Axenda 2030”.
Lembrou tamén que o proxecto OU DS A2030 da Deputación de Ourense acaba de resultar beneficiario, un ano máis, da subvención do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 para o impulso dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ámbito local.
Programa da xornada
A Aula Formativa do Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a partires das 11.00 horas a presentación e inauguración a cargo do deputado de Innovación e Axenda 2030 Jorge Pumar. Ás 11.15 horas haberá unha mesa redona baixo o título de “Axenda 2030 e xustiza territorial: infraestruturas, verdes resilientes e inclusivas para a provincia de Ourense”, na que participarán María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social (UVigo); Eva D. Castro, directora de proxectos de impacto social; e Pedro Orgeira, enxeñeiro aeronáutico e do Espazo (UVigo). As conclusións e peche do acto correrá a cargo de Jorge Pumar ás 12.30 horas.
A inscrición e máis información están dispoñibles a través do formulario en liña habilitado pola Deputación de Ourense: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdrikrFBlW3A4SW6B1lMNpCQqTVUjM0u9Iy9RGfS6p0ghTOsQ/viewform



