HomeXunta de GaliciaA Xunta salienta a acollida da nova edición dos bonos activa comercio...

A Xunta salienta a acollida da nova edición dos bonos activa comercio con máis de 620.000 euros mobilizados nos comercios adheridos no arranque da campaña

- Anuncio -spot_img
  • José González destacou o éxito desta iniciativa que conta con máis de 6.000 negocios adheridos en toda Galicia e volve rexistrar unha resposta masiva da cidadanía, con arredor de 61.500 bonos xa descargados ás 11,00 h.
  • O bono desconto, de ata 30 euros, pode ser utilizado desde hoxe e ata o esgotamento do mesmo ou do orzamento global do crédito da convocatoria
  • Ademais, como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición de 2025, buscando unha maior axilidade
  • Con esta nova quenda, son xa 5 M€ os destinados a esta acción en 2025,  cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta iniciativa que ten logrado mobilizar máis de 110 M€ en vendas desde o ano 2021

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Santiago os comercios Deportes Caneda e Joyería Regueira —ambos adheridos ao Centro Comercial Aberto Compostela Monumental— con motivo do lanzamento da nova edición dos bono Activa Comercio. Nesta segunda convocatoria do ano, a Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector. Segundo salientou o conselleiro, hai máis de 6.000 negocios adheridos en toda Galicia e ás dúas horas desde a súa activación descargáronse 61.500 bonos e mobilizáronse máis de 620.000 euros, o que evidencia o elevado impacto da iniciativa.

Desde as 09,00 horas deste mércores, 5 de novembro, as persoas consumidoras usuarias poden descargar e canxear un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos, exceptuando tarxetas regalo, vales ou similares. Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición.

O conselleiro salientou o rotundo éxito dos bonos Activa Comercio para incentivar a demanda comercial e puxo de relevo que nos orzamentos de 2026 se consignarán de novo 5 M€ para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local que ten logrado mobilizar máis de 110 millóns en vendas desde o ano 2021. Concretamente, a última edición saldouse con preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras.

Funcionamento do programa

Cada bono ofrece un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. As persoas consumidoras interesadas poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.  O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Medidas para revitalizar o comercio local

Os bonos Activa Comercio son unha das medidas contempladas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 para revitalizar os establecementos de proximidade, incrementar a competitividade deste sector e incentivar o consumo local. En concreto, enmárcase no seu eixe 2, para a dinamización e visibilidade do comercio.

Ao abeiro dos orzamentos de 2026, a maiores da reedición destes bonos cun importe de 5 M€, consolidaranse apoios como os destinados á transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal (4 M€), a potenciar as prazas de abastos como Mercados Excelentes (preto de 4,5 M€) e os dirixidos a actuacións de dinamización das áreas de interese comercial (2,7 M€). A maiores, afondarase en iniciativas de dinamización como o proxecto Vilas Vivas, enfocado a revitalizar contornas comerciais singulares.

Publicacións Relacionadas