O alcalde, Gonzalo Jácome, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asinaron o protocolo de colaboración para desenvolver esta iniciativa
Ourense contará o vindeiro ano cun novo parque canino, no barrio de Barrocás. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración que permitirá levar a cabo esta actuación, que ten como finalidade fomentar o benestar dos animais de compañía e ofrecerlles un espazo seguro e axeitado para o lecer, ao tempo que se favorece a convivencia entre persoas e mascotas.
O novo equipamento emprazarase no Parque Angelita Paradela, nunha parcela de 2.100 metros cadrados cedida polo Concello. As obras serán executadas pola Xunta de Galicia, e o Concello asumirá o mantemento e conservación do recinto.
Durante o acto de sinatura, celebrado na sala Valente, a conselleira Ángeles Vázquez destacou a relevancia da iniciativa, lembrando que na cidade están rexistrados 18.517 cans, o que significa que “un de cada cinco ourensáns ten un animal de compañía”. Avanzou que as obras poderían comezar en xaneiro, co obxectivo de abrir o parque na primavera de 2026. O recinto, detallou, estará pechado cun valado de seguridade, e contará con zonas de xogo e socialización para os animais, así como con fontes bebedeiro, mobiliario urbano e bancadas para o descanso das persoas acompañantes.
Pola súa parte, Gonzalo Jácome subliñou a vontade do Concello de colaborar neste proxecto, que se desenvolverá nun espazo clave a nivel residencial, como é o barrio de Barrocás, onde tamén está previsto o próximo inicio da construción das novas piscinas públicas.
O rexedor explicou que o Concello pretende acondicionar tamén outro parque canino, de tipo fluvial na contorna do Miño, para o que espera contar novamente coa colaboración da Xunta. Lembrou que as dúas administracións traballan xa no primeiro refuxio climático da cidade, e expresou o seu desexo de sumar apoios das administracións galega, estatal e europea ao proxecto de plantación de 10.000 árbores en Ourense.



