- Guille Juncal denuncia a aparición de novos atrancos na instalación deportiva municipal, apenas uns meses despois da inauguración da obra financiada integramente con 1,9M€ da Deputación de Pontevedra
- Os populares culpan ao goberno do BNG por “non garantir uns servizos de calidade, prexudicando aos deportistas e xerándolles numerosas incomodidades ao ter que realizar os seus adestramentos a escuras e sen poder ducharse con auga quente”
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal denunciou este mércores a aparición de novos atrancos na posta en marcha do campo de fútbol municipal de Salcedo, apenas uns meses despois da inauguración da obra que costou 1,9 millóns de euros e que foi financiada integramente pola Deputación provincial.
Juncal lamentou a falta de auga quente nos vestiarios e as deficiencias no sistema de iluminación “que están prexudicando aos deportistas por non garantir uns servizos mínimos de calidade, e xerarlles numerosas incomodidades ao non poder completar os seus adestramentos con luz e auga quente durante estes últimos días, a pesar da chegada do frío e do horario de inverno ”.
O PP de Pontevedra tamén insiste na necesidade urxente de mellorar os accesos viarios á instalación deportiva, co obxectivo de garantir a seguridade dos xogadores e afeccionados que se desprazan por estrada ata o campo de fútbol.
“O modelo de xestión deportiva do Concello de Pontevedra baséase na propaganda e nos grandes anuncios electorais, como o pavillón inexistente do barrio da Parda. A realidade que padecen os deportistas e os clubs é moi distinta, con problemas que se repiten ano tras ano sen que o goberno local lle busque ningunha solución”, criticou.
Os populares consideran “intolerable” que, despois de tantos meses de retraso na posta en marcha definitiva do campo de fútbol de Salcedo, se volva confirmar o que consideran “un exemplo máis da mala xestión do alcalde Lores e do goberno do BNG”.
O edil do PP asegurou que o tempo volve darlles a razón ao quedar demostrado, unha vez máis, que o Concello de Pontevedra “nin ten capacidade nin vontade para xestionar con eficacia as instalacións deportivas da cidade”, concluíu.



