A xornada “Educación e Benestar emocional. Creando espazos saudables” enmárcase no proxecto financiado pola institución provincial “Conta con nós”
A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores no Salón de Plenos do Pazo provincial unha xornada impulsada pola Cruz Vermella no marco do proxecto “Conta con nós”, financiado polo organismo provincial. A xornada, baixo o título de “Educación e Benestar emocional. Creando espazos saudables”, foi inaugurada pola deputada de Benestar Social, Paula Bouzós quen aproveitou a ocasión para agradecer o labor de Cruz Vermella, “unha entidade coa que colaboramos activamente para poñer en marcha iniciativas tan beneficiosas para a sociedade como esta”.
Bouzós cualificou á xornada como “un encontro participativo, próximo e útil, onde ides poder compartir as vosas propias experiencias, pero tamén adquirir recursos prácticos arredor das emocións e da educación por parte das e dos expertos”. Neste eido, asegurou que a Deputación seguirá traballando por unha infancia emocionalmente saudable e lembrou que “acabamos de abrir as inscricións para participar nos obradoiros de benestar emocional do noso programa de apoio á adolescencia En plan ben, con prazo aberto ata o 14 de novembro”.
A xornada, dirixida á comunidade educativa, ás asociacións e entidades do terceiro sector e tamén á poboación en xeral, naceu co obxectivo de proporcionar información e sensibilización sobre saúde mental e benestar emocional. Ao longo da sesión participaron Xandre García, especialista en saúde mental infanto-xuvenil e promotor en Galicia do programa internacional YAM de prevención do suicidio en adolescentes; Begoña Ibarrola, autora de máis de 270 contos infantís traducidos a varios idiomas sobre intelixencia emocional e recoñecida con diversos premios polo seu compromiso co benestar emocional da infancia; e IncrescenTO, equipo multidisciplinar de profesionais da saúde especializados en terapia ocupacional asistido por cans para mellorar a calidade de vida de persoas con trastornos de neurodesenvolvemento, TDAH ou autismo, que fixo unha demostración con estes animais.
A Deputación de Pontevedra colabora no programa da Cruz Vermella “Conta con nós”, que busca sensibilizar a poboación sobre a importancia de obter e manter un adecuado benestar emocional como camiño ineludible para ter unha vida plena e satisfactoria, cunha achega de 20.000 euros. Entre as accións a desenvolver salientan obradoiros de educación emocional en centros de ensino, con familias e axentes educadores, accións de formación para o voluntariado do programa e outras de sensibilización para toda a poboación, ademais desta propia xornada que acaba de celebrarse no Pazo provincial da Deputación.



