HomePontevedraA área de Promoción Económica continúa a dinamizar o Mercado co Pontevedra...

A área de Promoción Económica continúa a dinamizar o Mercado co Pontevedra Capital Gastro e incorpora dúas novas actividades

- Anuncio -spot_img

O Mercado do Emprendemento e o GastroFest de Magosto súmanse ás liñas de iniciativas que levan dende o mes de outubro sendo un éxito entre pontevedreses e peregrinos do Camiño Portugués.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou esta mañá as novas actividades que pasan a enriquecer máis o programa Pontevedra Capital Gastro que continúan consolidando o Mercado de Abastos como equipamento cultural esencial da cidade e converténdoo no merecido epicentro da cultura culinaria e do ocio para todas as idades.

Como principal novidade, mañá dá inicio a primeira entrega do Mercado do Emprendemento, unha nova liña do programa que ten a finalidade de que pequenos e medianos emprendementos continúen expandíndose e incentivando a economía local. De xoves a sábado, a iniciativa permitirá a tres emprendementos da Boa Vila gozar dun espazo na praza de abastos para poñer en práctica os seus coñecementos e o seu bo facer.

Este mes de novembro, os emprendementos seleccionados son a tenda de tés sostible Té Agarimo, o negocio de amenities hoteleiros Lua & Tierra e Visual Gastro, que realizará un vídeo pódcast con cociñeiros e cociñeiras locais dende o propio mercado. Esta iniciativa durará ata abril e cada mes permitirá a tres negocios da Boa Vila xerar sinerxias, chegar a novos públicos e continuar a dinamizar o Mercado, polo que a edil convidou a toda a cidadanía a pasar polo primeiro andar e descubrir estes novos emprendementos relacionados coa hostalería e coa gastronomía.

Os días 14 e 15 de novembro, o primeiro andar do Mercado converterase nun festival de Magosto da man do primeiro Pontevedra Gastrofest. Esta nova liña de actividades repetirase novamente en febreiro e en abril e de cada vez terá como protagonistas as festividades gastronómicas galegas propias da época. O Magosto non será un festival ao uso, senón que contará cunha morea de actividades de balde e para todos os públicos co eixo central da castaña pero enfocada en todas as vertentes deste produto tan importante na gastronomía galega: xogos tradicionais, obradoiros para crianzas, castañada popular, showcooking a partir de castañas cun chef convidado, catas comentadas con expertos en bebidas arredor do licor de castañas e concusos de participación aberta para descubrir quen fai a mellor sobremesa elaborada a partir de castañas. A inscrición para esta última débese facer previamente. O venres 14 o horario será de 17.00 a 20.15 e o sábado de 11.00 a 15.00.

Ademais, este sábado volve unha nova edición do Mercado Creativo, que reunirá a deseñadores, ilustradores e outros empregos creativos da Boa Vila no primeiro andar da praza de abastos. O horario será o mesmo, de 11.00 da mañá a 15.00 da tarde, e o evento contará con 30 expositores seleccionados dos máis de 45 presentados, 107 en total para o resto do programa, amais de animación, petiscos e bebidas e máis música en vivo a partir das 13.00 horas para gozar dunha sesión vermú ao estilo Sétima feira. É un punto de encontro para descubrir, apoiar e gozar do talento creativo da cidade a través de mostras, venda directa, degustacións, música e sorteos.

E a Mesa do Camiño chega ata novembro como un fenómeno entre os peregrinos do Camiño Portugués. Logo da boa acollida do último mes, con case medio cento de visitas a semana pasada, mañá e o venres os cociñeiros da Fervella encargaranse de facer as delicias dos comensais no mesmo horario, ás 19.30 horas, e ofrecerán un menú que se publicará proximamente.

É posíbel anotarse ás Mesas do Camiño e, como emprendemento interesado nos distintos Mercados, a través dos formulario do Apúntate! dispoñible na páxina do Concello de Pontevedra e no qr dispoñible nos carteis repartidos pola cidade. O enlace aos formularios de inscrición, aquí: https://apuntate.pontevedra.gal/pontevedracapital-gastro/. Tamén é posíbel contactar a través do enderezo pontevedra.capital.gastro@animatium.com.

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Publicacións Relacionadas