HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación abre as portas no Pazo provincial á exposición “Ricardo Portela,...

A Deputación abre as portas no Pazo provincial á exposición “Ricardo Portela, inmorrente”

- Anuncio -spot_img

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inaugurou a mostra dedicada a esta figura clave na música tradicional galega, que foi comisariada por Óscar Ibáñez e poderá visitarse no vestíbulo do Pazo provincial ata o 21 de novembro

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, acaba de inaugurar no Pazo provincial a exposición “Ricardo Portela, inmorrente”, comisariada polo gaiteiro Óscar Ibáñez. A mostra é unha homenaxe a este referente na música tradicional, imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, e estará dispoñible ata o 21 de novembro no vestíbulo do Pazo provincial en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas.

Jorge Cubela sinalou que “Ricardo Portela é unha figura clave da nosa música tradicional e da gaita, á cal el mesmo cualificou como un instrumento inmorrente “. O tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade remarcou a pegada de Viascón, parroquia deste concello na que naceu o xenial gaiteiro, na traxectoria deste “gran intérprete que creou escola cos recursos do seu persoal estilo e moitos deles permanecen vivos no xeito de tocar dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos na actualidade, como o propio comisario da mostra Óscar Ibáñez”. Ademais, Cubela enxalzou a Portela como un mestre de mestres que “representa a gran responsabilidade cultural de ser gaiteiro, máis aló da súa extraordinaria sensibilidade musical e o seu persoal estilo interpretativo”.

Composta por oito paneis e varias vitrinas con material discográfico e persoal, así como instrumentos e vestiario de Portela, a exposición amosa a traxectoria vital do gaiteiro ligada a Viascón, Vigo e Pontevedra. Ademais, a mostra tamén abrangue o seu desenvolvemento artístico e os seus traballos discográficos, así como a relación que mantivo con asociacións e entidades. Con ela, a Deputación busca difundir a súa vida e obra, destacando os seus fitos fundamentais a modo de lembranza e exemplo para a xuventude da provincia.

Publicacións Relacionadas