HomeXunta de GaliciaA Xunta insiste na necesidade de que todas as administracións se impliquen...

A Xunta insiste na necesidade de que todas as administracións se impliquen e aporten para que o grupo de traballo para a conectividade aérea de Galicia poida avanzar

- Anuncio -spot_img
  • A directora xeral de Mobilidade participou na primeira xuntanza do grupo creado a proposta do Goberno galego no marco do último Comité de Coordinación Aérea de Galicia
  • Incidiu en que o Goberno galego aposta polos tres aeroportos galegos, xa que “ningún deles pode perder conectividade” e, por iso, insistiu na demanda a Aena de coñecer o plan de investimentos para que sexan máis competitivos
  • Para Judit Fontela, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo deben facer achegas a prol dunha colaboración global que debe ser liderada por Aena

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe na primeira reunión do grupo de traballo para a conectividade aérea de Galicia, e apelou a que todas as administracións participantes se impliquen e aporten a información necesaria para que dito grupo poida seguir avanzando. Tamén asistiu a  directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita.

A directora xeral valorou positivamente a creación deste grupo de traballo,  proposto pola Xunta de Galicia no marco do último Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, para compartir información entre os concellos, a Administración autonómica e Aena, que, segundo apuntou, é quen “debe liderar esta coordinación aeroportuaria”. Para Judit Fontela, Aena respondeu coa convocatoria desta xuntanza, con datos e propostas sobre as que se continuará traballando. Non obstante botou en falla obter datos precisos para coñecer o plan de investimentos e as accións previstas nos aeroportos galegos por parte de Aena, datos que a Xunta reclamou.

Judit Fontela tamén incidiu en que a Xunta aposta polos tres aeroportos galegos, xa que ningún deles “pode perder conectividade”. Por iso insistiu na demanda a Aena de coñecer o citado plan de investimentos para que sexan máis competitivos, dado que ata o de agora a Xunta tan só coñece o que transcendeu dos anuncios feitos por Aena pero non se achegaron eses datos de forma oficial, polo que a Xunta descoñece como afectan aos aeroportos galegos.

Por parte da Xunta, tal e como indicou, explicouse o Plan de investimentos do Plan estratéxico de Turismo de Galicia, dotado con 13 millóns de euros dedicados a promocionar o destino Galicia. Neste sentido, destacou o traballo desenvolvido para promocionar o destino Galicia en orixe e que como resultado, fai que os viaxeiros medren cada ano. “En 2024 recibíronse 8,3 millóns de viaxeiros e as previsións de cara a este ano son mellores”, afirmou.

A directora xeral instou tamén ás administracións locais a que dean conta de que tipo de promocións e accións realizan, co obxectivo de coñecelas todas para tratar de consensuar un plan común.  Por iso, neste senso, lamentou a falta de concreción nas propostas presentadas por parte dos concellos participantes, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, sinalando que, tal e como a Xunta cumpriu, “os concellos teñen tamén que facer achegas a prol dunha colaboración que debe ser global”, engadiu.

O Goberno galego agarda recibir os documentos relativos aos datos explicados hoxe por Aena para seguir traballando, emprazándose a continuar avanzando nas seguintes convocatorias.

Publicacións Relacionadas