HomeOurenseOurenseCastro de Beiro celebrará o 11 de novembro a edición número 42...

Castro de Beiro celebrará o 11 de novembro a edición número 42 do Magosto asociativo máis lonxevo da cidade

- Anuncio -spot_img

O alcalde recibiu o equipo organizador, que impulsa unha programación especial de actividades até o 30 de novembro

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos do Concello o equipo organizador do Magosto Cultural de Castro de Beiro, considerado o magosto asociativo máis lonxevo da cidade, xa que se vén celebrando con continuidade desde o ano 1983, coa única excepción da ocasionada pola pandemia.

Co lema “Antes ca nós ninguén” a asociación cultural e veciñal organiza a cita festiva do vindeiro martes, 11 de novembro, con dúas modalidades: o Magosto tradicional, no que a xente traerá a comida da casa, e o Alternativo, cun menú formado por unha ración de polbo para dúas persoas, churrasco, chourizo, crioulo, pan, viño, auga, sobremesa, café e castañas por 18 euros, previa inscrición. A xornada completarase coa actuación do conxunto Os Afinantes, sorteos e a homenaxe a un destacado colaborador dos Magostos da localidade.

A asociación de Castro de Beiro organiza até o 30 de novembro unha ampla programación de actividades para celebrar este 42 aniversario do seu Magosto Cultural. Entre elas, haberá charlas de actualidade, proxección de películas e unha homenaxe á Banda de gaitas da localidade, que terá lugar o día 30, unha data na que, coincidindo co día do padrón Santo André, desenvolverase a  xornada de clausura, cun viño galego.

As actividades están patrocinadas polo Concello e a Deputación de Ourense, Colabora a Agrupación de asociacións veciñais e da periferia Miño.

Publicacións Relacionadas