HomeA CoruñaNeda estrea a vindeira semana unha nova edición do seu ciclo cultural...

Neda estrea a vindeira semana unha nova edición do seu ciclo cultural “Tempo para o teatro”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Neda programa un novembro máis “Tempo para o teatro”. O ciclo, que conta co apoio da Deputación da Coruña, traerá á Casa da Cultura, a partir da vindeira semana, espectáculos de primeiro nivel de compañías galegas. Cada venres, a partir das 20.30 horas, unha proposta.
Abrirá o cartel “Testosterona”, unha comedia de Malasombra Producións, protagonizada por Luis Iglesia e Camila Bossa. Será o próximo día 14. A obra, que adapta o texto da autora mexicana Sabina Bernan, reflexiona, dunha forma sorprendente, sobre a desigualdade laboral por cuestión de sexo.
Sete días máis tarde será a quenda de “Vitória”, unha peza autobiográfica, que conta o proceso xudicial ao que se someteu a actriz Iria Pinheiro ao interpoñer unha denuncia por acoso sexual contra o director do programa de televisión no que traballaba. A obra reconstrúe a historia, intercalando a documentación xudicial do proceso coa ironía característica do cabaré.
Completa a programación “Neura”, comedia romántica da compañía De ste xeito , que aborda o tema da saúde mental. Na peza, que o público poderá desfrutar en Neda o 28 de novembro, dous “ex” volverán poñer a proba, por circunstancias da vida, a compatibilidade das súas neuras, tras evolucionar por separado e pasar por diferentes terapias e pseudoterapias.
A reserva e venda de entradas para os diferentes espectáculos, que terán un coste de 2 euros, realizarase de luns a venres de cada semana na biblioteca municipal (horario: de 9 a 13 horas e de 17 a 20 horas).

Publicacións Relacionadas