· As concelleiras Patricia Lojo e Amparo Cerecedo estarán presentes na cita da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ao que o municipio está adherido.
Da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as concelleiras Patricia Lojo e Amparo Cerecedo desprazáronse ata Palma de Mallorca para participar no II Encontro Internacional de Mulleres Electas Les Elegides do Fons Mallorquí de Cooperació. A cita, que se prolongará ata mañá, funcionará como un punto de intercambio de experiencias de políticas locais entre 13 países. A Pobra é o único concello da comarca do Barbanza que estará presente neste evento, co que se busca un claro obxectivo: fortalecer o liderado das mulleres, reflexionar sobre as resistencias que enfrontan para permanecer no cargo e destacar o seu rol innovador na transformación dos servizos públicos.
Ademais das concelleiras da Pobra do Caramiñal, Les Elegides conta con representantes doutros concellos de Galicia. En concreto, están presentes as alcaldesas de Burela e Muros e as edís de Bergondo, Nigrán e Malpica de Bergantiños.
O programa do encontro inclúe multitude de conferencias a cargo de representantes procedentes de Europa, África, América Latina e o Mediterráneo. Entre as cuestións que se abordarán atópanse a transformación da xestión local con perspectiva de xénero, o papel das mulleres na política local e a consecución da paridade de cara ao 2030.



