HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación programa no Museo de Pontevedra conferencias e un espectáculo teatral...

A Deputación programa no Museo de Pontevedra conferencias e un espectáculo teatral e poético arredor de José Ruibal

- Anuncio -spot_img

O seminario “Jose Ruibal no seu centenario” terá lugar os días 11 e 13 de novembro e contará con conferencias como as de Andrés Lima e Anne-Laure Feuillastre e a posta en escena da peza ‘O rabo’ por Anduriña Teatro

A Deputación de Pontevedra está a afondar este outono na figura de José Ruibal, nacido hai cen anos en Xeve (Pontevedra). Á exposición sobre o escritor aberta no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra únese un seminario que se celebrará os días 11 e 13 de novembro: dous días para achegarnos ás súas contribucións á literatura e o teatro universais a través de conferencias e un espectáculo poético e teatral.

O seminario ‘José Ruibal no seu centenario: teatro, poesía e memoria’ desenvolverase no Edificio Castelao. O martes 11 de novembro ás 18 h terán lugar catro conferencias. Abrirá a xornada a profesora da Universidade da Sorbona (París) Anne-Laure Feuillastre, coa comunicación “José Ruibal, un autor marxinado: o prezo da  oposición teatral durante o franquismo”, na que tratará de explicar as razóns da exclusión da súa produción teatral durante os anos da ditadura.

Pola súa parte, Andrés Lima, un dos dramaturgos máis reputados do teatro contemporáneo español, fará en “Os novos pasos do teatro. Un panorama post Ruibal” un percorrido pola escena xurdida desde os anos 80 ata a actualidade para preguntarse que herdaron os creadores desas décadas do teatro de Ruibal e os seus coetáneos. A xornada incluirá tamén as conferencias da profesora da Universidade de Nova York Marithelma Costa e do comisario da exposición aberta no Museo, Xosé Enrique Acuña.

O seminario completarase o xoves 13 de novembro ás 19 h co ‘Espectáculo Ruibal’, unha sesión de poesía e teatro.  Graciela Baquero Ruibal, sobriña de José Ruibal, e  Miguel Ángel Cuña Casasbellas. Graciela Baquero lerá ademais o breve texto teórico ‘Escribir contra el público’. Pechará a xornada o grupo pontevedrés Avelaíña Teatro, que porá en escena ‘O rabo’, unha peza teatral breve de José Ruibal estreada en Madrid en 1969.

Exposición

O seminario coincide coa exposición ‘José Ruibal. Un escritor de centenario’, que se pode visitar no claustro do Edificio Sarmiento ata o 18 de xaneiro de 2026. O comisario, Xosé Enrique Acuña, reúne nesta mostra numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego. A exposición articúlase por medio dun percorrido visual composto con numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.

José Ruibal Argibay naceu o 28 de outubro de 1925 en Xeve. Formado en Artes e Oficios en Santiago de Compostela, pronto comeza a colaborar no xornal La Noche á vez que adquire unha conciencia crítica desde a que pasa a sentirse incómodo coa ditadura imperante. En 1951 emigra á Arxentina. En Buenos Aires comeza a escribir as súas primeiras obras teatrais. Retornado a Galicia en 1960, marcha a Madrid, onde encadeará unha serie de obras que activan unha simbólica crítica do peor da sociedade baixo a ditadura franquista. A censura da época limitou a estrea das súas máis famosas pezas durante anos, que acadaron unha considerable repercusión nos Estados Unidos, onde se instalou. Comprometido cos valores democráticos durante toda a súa vida, hoxe está inexplicablemente esquecido fóra dos círculos especializados, que continúan valorando a valentía e mais a fondura combativa da súa dramaturxia.

Publicacións Relacionadas