Silvareira, empresa ponteareá, será a encargada das actuacións de limpeza nas fincas
Por primeira vez na historia, o Concello de Ponteareas conta cunha empresa local, Silvareira, contratada para realizar as
execucións subsidiarias no municipio: as tarefas de limpeza e roza de fincas cando as persoas propietarias non cumpren coa súa obriga legal de mantelas en bo estado.
Estas actuacións forman parte da ordenanza municipal de xestión e limpeza de fincas e montes, aprobada recentemente polo Concello co obxectivo de reforzar a prevención de incendios forestais e mellorar a seguridade nas zonas próximas ás vivendas. A normativa establece que todas as parcelas situadas preto de solo urbano, rural ou urbanizable deben estar libres de especies pirófitas e restos forestais antes do 31 de maio de cada ano.
Unha vez rematado ese prazo, o Concello pode iniciar de oficio as tarefas de limpeza, ben con medios propios ou mediante contratación externa. Posteriormente, notifícaselle ás persoas propietarias o custo dos traballos realizados e procédese á súa repercusión económica, xunto coa tramitación, se procede, da correspondente sanción administrativa.
Esta semana estanse a executar as sete primeiras actuacións, logo dun proceso administrativo que atrasou o inicio previsto no verán. O Concello continuará nas vindeiras semanas priorizando as zonas de maior risco.
A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fdez. Táboas, explicou que “este sistema permite actuar de forma áxil e eficaz cando non se cumpre coa obriga de manter limpas as parcelas, garantindo a seguridade e o benestar do conxunto da veciñanza”.
A alcaldesa Nava Castro detallou que “desde o Concello facemos un chamamento á concienciación cidadá, porque manter as fincas limpas é fundamental para previr incendios, mellorar a imaxe da vila e contribuír a un municipio máis sostible e responsable co medio ambiente”.



