HomePontevedraO BNG de Vigo pide reforzar a seguridade no HALO con pantallas...

O BNG de Vigo pide reforzar a seguridade no HALO con pantallas acristaladas para evitar novas mortes

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista chama a aplicar as medidas recollidas nas guías públicas de prevención do suicidio para dificultar o acceso aos bordos da pasarela

Alerta de que os 4 suicidios producidos desde a apertura do ascensor e outro desde a praza de Vialia, así como varios intentos que foron evitados, convérteno nun punto negro

Xabier P. Igrexas: “A estética do HALO non pode estar por acima da protección da seguridade física e da vida das persoas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide reforzar as medidas de seguridade no ascensor HALO, e no conxunto da praza de Vialia.  A fronte nacionalista chama a aplicar as medidas recollidas nas guías públicas para a prevención do suicidio e propón a posibilidade de instalar pantallas acristaladas na pasarela.

Dende a apertura do HALO, existe constancia de catro mortes por suicidio, dous mozos en febreiro de 2024, unha muller en maio dese ano e a aparición dun corpo en xullo de 2025, xunto o falecemento dun home nas pasadas semanas desde a terraza de Vialia. A isto súmase un número importante de intentos de suicidio que se seguen a producir, evitados, afortunadamente, grazas á intervención da cidadanía e das forzas policiais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrou o compromiso do alcalde de Vigo, o 22 de febreiro do pasado 2024, de estudar medidas para reforzar a pasarela. Dende entón, explicou, realizáronse apenas axustes no horario de funcionamento do ascensor e incrementouse a vixilancia policial. Medidas que considerou “positivas” pero que valorou insuficientes para lograr resolver o problema.

Dende a fronte nacionalista pediron por ese motivo ao Goberno municipal que encargue, coa máxima axilidade, un estudo para aumentar a seguridade no HALO e na praza de Vialia, entre elas para valorar a posibilidade de instalar pantallas acristaladas na pasarela.

Guías públicas para a prevención

Igrexas chamou a tomar como referencia as recomendacións recollidas nas guías públicas. Entre elas, citou o vixente Plan de Prevención do Suicidio en Galiza, da Consellaría de Sanidade, que estabelece a necesidade de identificar os puntos negros arquitectónicos e xeográficos de suicidio e crear barreiras de acceso. Unha medida que tamén fixa a Organización Mundial da Saúde, que indica que a restrición de acceso aos medios utilizábeis para o suicidio é unha medida eficaz de prevención.

Diante dos reiterados casos producidos, o portavoz nacionalista lamentou que o ascensor vigués se teña convertido nun punto negro, polo que urxiu a que o Concello adopte medidas máis estritas para evitar novos episodios. “A estética do HALO non pode estar por acima da protección da seguridade física e da vida das persoas”, remachou.

Publicacións Relacionadas