HomeXunta de GaliciaA Xunta insiste na falta de información e de anáilise para previr...

A Xunta insiste na falta de información e de anáilise para previr futuros apagamentos xerais como o acontecido en abril deste ano

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa na Conferencia Sectorial para Asuntos de Seguridade Nacional, onde as comunidades autónomas manifestaron a súa queixa pola falta de reunións inmediatas ás incidencias do último ano

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe a través de videoconferencia na Conferencia Sectorial para Asuntos de Seguridade Nacional, presidida polo ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, na que se abordou, entre outros temas, a xestión da seguridade e garantía dos servizos públicos esenciais ante posibles fallos ou interrupcións prolongadas na subministración eléctrica. Neste aspecto, Galicia e outras comunidades autónomas manifestaron a súa queixa pola falta dunha xuntanza inmediatamente posterior ás incidencias rexistradas no último ano, como a Dina, a vaga de lumes ou o apagamento xeral.

O obxectivo é poder abordar as necesidades dos territorios e, especialmente con relación ao apagamento, analizar posibles medidas de prevención e actuación de cara ao futuro. Neste sentido, Diego Calvo lamentou a falta de información por parte do Goberno central e que a única resposta sexa a derivación ás conferencias sectoriais de Protección Civil.

Cómpre lembrar que, tras estas experiencias, a Xunta reforzou nos seus orzamentos de 2026 as partidas para prevención e atención ás emerxencias, tanto a través de novas dotacións como do apoios ás administracións locais para a redacción de plans de acción municipal.

Outro dos temas tratados foi a modificación do regulamento da Conferencia Sectorial para Asuntos de Seguridade Nacional. Con este motivo, Galicia demandou que se cumpra o regulamento da conferencia sectorial e que se reúna como mínimo unha vez ao ano. Ademais, incidiu en que cando unha porcentaxe das comunidades soliciten a convocatoria desta reunión se elimine o carácter de urxencia, para que non aconteza como con outras conferencias sectoriais que non se convocan nos prazos establecidos. Así, Diego Calvo referiuse á Conferencia de Presidentes, na que houbo que acudir á xustiza para obrigar a que se celebrase, ou á conferencia sectorial de Xustiza, na que o ministro Bolaños fai caso omiso ás reiteradas peticións de que sexa convocada. 

Publicacións Relacionadas