Pontevedra consigna 3 millóns de euros para pagar o “taxazo de Sogama” para o ano 2025.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a aceptación da concesión por parte de Costas dos terreos que antes ocupaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial. O alcalde de Pontevedra e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que “ata o de agora non tiñamos ningún título habilitante para actuar alí porque era unha concesión da Deputación, pero a concesión é do Concello de Pontevedra”.
Trátase dunha parcela de 17.688 m2 sobre a que Costas outorga unha concesión de 15 anos prorrogable por outros 15, e cun uso xeral, público e de balde. O mantemento correría a cargo do Concello.
A Xunta de Goberno tamén autorizou o incremento do gasto destinado ao tratamento dos residuos urbanos que o Concello envía a Sogama debido ao incremento do custe do servizo de tratamento de tonelada de lixo que pasou de 72 euros a 108 euros, o que supón un incremento do 50%.
O acordo gubernamental é para incrementar de dous a tres millóns de euros a partida para o cubrir estes gastos, que como informou o alcalde non se debe a unha maior recollida de toneladas de residuos producidas por Pontevedra senón a incremento das tarifas de Sogama.
Este acordo de incremento é tanto para o ano vixente como para 2026.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a contratación do servizo de control, mantemento e xestión de 16 fontes ornamentais:
- Fonte dos Nenos
- Fonte da Praza de Galicia
- Fonte das Palmeiras
- Fonte de Campolongo
- Fonte dos Xardíns Marescot
- Fonte da Ferrería
- Fonte na Praza da Estrela
- Fonte dos Tornos
- Fonte do Teucro
- Fonte do Peirao
- Fonte Praza De Luís Otero (*)
- Fonte na rúa Gaiteiro Ricardo Portela
- Fonte rúa Laranxo
- Fonte das Ras
- – Fonte de Barcelos
- Fonte de Avda. Compostela
Trátase dun contrato de 4 anos de duración cun orzamento global de 341.516 €.
Por outro lado, a Xunta de Goberno tamén aprobou a contratación da ampliación dos gastos de vestiario e equipos de protección individual (EPI) para diversos servizos e seccións do concello (electricidade, parque móbil, obras, sinalización, xardíns e policía). O orzamento para 4 anos é de 428.011 €.
Finalmente, tamén autorizou a regularización das obras para a instalación de 39 puntos de recarga de vehículos eléctricos en tres parkings municipais:
◦ Barcelos: 23 puntos.
◦ Audiencia: 12 puntos.
◦ Mercado: 4 puntos



