HomeA CoruñaBouza acusa á Xunta de volver “dar unha patada para adiante” ao...

Bouza acusa á Xunta de volver “dar unha patada para adiante” ao aparcadoiro do CHUS e critica o “silencio cómplice” do Concello

- Anuncio -spot_img

O deputado socialista lembra que o plan de estudo anunciado pola Xunta “durará 12 meses e comezou en agosto”, polo que as obras non arrancarán en 2026, como se prometera.

Bouza denuncia que o goberno de Sanmartín “non exerce o seu papel de defensa dos veciños e veciñas de Santiago”.

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, denunciou “un novo atraso” no proxecto do aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago e acusou á Xunta de Galicia de “volver dar unha patada para adiante” unha obra “urxente e fundamental” para a cidade.

Bouza lembrou que “no protocolo asinado no 2024 propoñíase que as obras comezaran no 2026”, pero advertiu de que “as últimas noticias que temos da Xunta de Galicia é que o propio plano de estudo vai durar 12 meses e comezou no mes de agosto deste ano”. “Polo tanto, xa temos outra nova patada para adiante da Xunta de Galicia, tamén co silencio total por parte do Concello de Santiago”, subliñou.

O deputado explicou que “o que vimos a reivindicar e a esixir á Xunta de Galicia é que cumpra cos seus compromisos, pero sobre todo que cumpra cos veciños e veciñas de Santiago”, insistindo en que “este tema é principal e fundamental”. “O parking do CHUS ten que ser unha cuestión prioritaria para a Xunta de Galicia porque é necesaria, é unha urxencia e nunca mellor dito”, engadiu.
Bouza advertiu que o colapso no acceso ao hospital é cada vez máis grave. “O transporte público está como está, tanto interurbano como urbano, que para poder acceder ao hospital é un absoluto galimatías; e, aínda por riba, as persoas que precisan acudir ao hospital non poden aparcar”, afirmou. Tamén subliñou que “a falta de taxis na cidade” agrava a situación e provoca “un caos absoluto” para pacientes, visitantes e persoal sanitario.

O deputado lembrou que o aparcadoiro foi comprometido pola Xunta e o Concello a través dun protocolo asinado en 2024, pero “a día de hoxe, rematando 2025, nada se avanzou máis que a licitación dun plan que se prolongará outro ano máis”. “De nada serve facer un plan de mobilidade se non se vai cumprir. De nada serve chegar a acordos se non se van cumprir”, criticou, lamentando que “as promesas baleiras se convertan na práctica habitual dun goberno da Xunta que non cumpre con Santiago e dun goberno municipal que permanece impasible”.
Bouza lembrou que o propio estudo de mobilidade da Xunta recoñece a necesidade dun novo aparcadoiro: “Un aparcamento con prazas suficientes permite aos pacientes e visitantes acceder ao hospital de maneira máis rápida e cómoda. Non ter que buscar durante moito tempo o lugar de estacionamento reduce o estrés e a ansiedade asociados ás visitas ao hospital”, citou. “De nada serve facer plans se logo non se executan”, engadiu.

O socialista reclamou transparencia para coñecer “as condicións nas que os veciños e veciñas de Compostela van desfrutar dese parking e cal vai ser a achega do Concello”, e insistiu en que “a Xunta de Galicia ten que facer unha achega importante, e o Concello non debe renunciar aos seus posicionamentos nin a esixir que se faga esta infraestrutura, que é competencia da propia Xunta ao ser un centro sanitario”.
Bouza anunciou que o PSdeG presentará iniciativas no Parlamento para “esixir á Xunta unha solución inmediata”. “O que temos que facer é esixir á Xunta e a Rueda que cumpran con Santiago de Compostela”, concluíu Bouza.

Publicacións Relacionadas