HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal, sobre dúas rodas nos viñedos no XXVII Trofeo Montes das...

O Rosal, sobre dúas rodas nos viñedos no XXVII Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross

- Anuncio -spot_img

250 ciclistas de Galicia e Portugal rodarán este sábado 8 polos viñedos da adega Terras Gauda nunha proba única en Galicia

A emoción e a adrenalina do ciclocross chegan de novo ao Rosal. O XXVII Trofeo Monte das Eiras celebrarase este sábado 8 de novembro con 250 participantes de Galicia e Portugal que por cuarto ano consecutivo percorrerán un emblemático circuíto que atravesa os viñedos da adega Terras Gauda, converténdoa na única proba ciclista galega que se celebra nun escenario tan singular. A carreira, organizada polo Club Ciclista O Rosal, conta coa colaboración do Concello.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou que “o Trofeo Montes das Eiras é unha cita especial para O Rosal e un exemplo de como manter viva unha tradición deportiva que leva case trinta anos crecendo e mellorando”. A rexedora quixo felicitar ao Club Ciclista O Rosal por ese compromiso e por ofrecer un evento único que atrae cada ano a máis participantes e público.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, tamén subliñou a particularidade desta carreira e a súa conexión co territorio, xa que “o circuíto a través dos viñedos non só proporciona un reto especial para todas e todos os corredores, senón que tamén reforza a identidade do Rosal ao vincular deporte e viño, un dos nosos grandes sinais de identidade”.

A partir das 11.00 horas, ciclistas de diferentes categorías tomarán o circuíto, reunindo competidores dende os 12 anos ata os maiores de 60. Grazas ás características do terreo, o público poderá desfrutar de toda a carreira desde varios puntos de observación.

O Concello do Rosal quere agradecer ao Club Ciclista O Rosal, que un ano máis permite desfrutar dunha competición única en Galicia, así como a colaboración e implicación da adega Terras Gauda, da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Galega de Ciclismo e de todas as entidades e empresas patrocinadoras.

Publicacións Relacionadas