“Unha semana máis avanzamos na mellora das estradas de titularidade provincial co obxectivo de garantir que estas vías, fundamentais para a vertebración do noso territorio, se encontren en óptimas condicións de seguridade”, remarcou o presidente da Deputación
Luis López acaba de anunciar que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o proxecto de execución da obra de ensanche e mellora da estrada provincial EP-4102 Leirado-Lira, en Salvaterra de Miño, cun orzamento de preto de 560.000 € para garantir a seguridade viaria.
“Unha semana máis –remarcou o presidente da Deputación- avanzamos na mellora das estradas de titularidade provincial co obxectivo de garantir que estas vías, fundamentais para a vertebración do noso territorio, se encontren en óptimas condicións de seguridade”.
Ao detalle, López explicou que o obxectivo principal destas obras é actuar nun tramo de 900 metros, entre os puntos quilométricos 1+000 e o 1+877, onde se mellorará a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como para o peonil. Deste xeito, dotarase á plataforma dun maior ancho e mellorarse as condicións de drenaxe da vía.



