- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe no Parlamento galego que no que vai de ano retiráronse máis de 19.600 niños e instou á precaución, sobre todo no caso de persoas alérxicas
- Sinalou que o número de avisos no teléfono 012 sobre a presenza desta especie reducíronse nun 24% desde a implantación do plan de choque implantado en 2024 e que este ano permitiu a captura de máis de 230.000 raíñas grazas á instalación de 18.500 trampas
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo hoxe balance do plan centralizado de retirada de niños de vespa velutina posto en marcha pola Xunta en 2020 e acordado cos concellos ao que actualmente xa están adheridos os 313 municipios. A empresa pública Seaga é a encargada de eliminar ou neutralizar os niños que sexan alertados a través do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 e así o fixo desde a implantación do plan coa retirada de máis de 131.000 niños, máis de 19.600 no que vai deste ano.
Como lembrou a directora xeral, o Goberno galego xa viña traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da avespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar en 2020 os esforzos e actuar con este plan centralizado para frear o seu avance a través da colaboración cos concellos nas labores de retirada e extinción dos niños.
A Xunta dota ao persoal de Seaga do equipamento necesario e leva a cabo unha mellora continua no subministro dos equipos de protección para estas tarefas, así como marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono ou bombas de batería para a impulsión de biocida.
Desde a alerta recibida no teléfono 012, procédese á súa retirada no menor tempo posible, se ben, ademais dos niños retirados, hai outros tantos casos que requiren a mobilización do operativo de Seaga pero que corresponden a outras casuísticas. Así, segundo destacou Natalia Prieto, de todos os avisos recibidos no que vai de ano, case o 30% se corresponde con niños duplicados, inactivos ou pechados porque non procede actuación, porque son doutra especie invasora ou porque non se visualiza.
Nesta liña, aclarou que cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial por estar en lugares moi concorridos son derivados aos servizos a través do 112 para a súa retirada inmediata como, por exemplo, niños activos no interior de vivendas habitadas, en establecementos singulares ou moi concorridos ou con proximidade a persoas alérxicas. Por iso, a directora xeral, incidiu en que é moi importante que nunca se intente manipular o niño cos propios medios.
Plan de choque con trampeo selectivo
Por outra parte, ademais do plan centralizado da retirado de niños, a directora xeral destacou que a Xunta puxo en marcha o ano pasado un plan de choque contra a vespa velutina para facer fronte ao aumento extraordinario de avisos. Neste 2025 volveuse a activar este plan baseado na retirada de niños temperás actuando nos niños primarios que primeiro aparecen, así como a realización dun trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado dirixido á captura de raíñas. Deste xeito, -sinalou- as 18.500 trampas instaladas este ano en todos os concellos galegos permitiron a captura de máis de 230.000 raíñas, máis do dobre que as 113.000 do ano pasado. O plan de choque contribuíu ademais, segundo aclarou Natalia Prieto, a reducir o número de avisos nun 24% de media en comparación coas cifras previas á implantación destas medidas.
A directora xeral referiuse tamén ao aumento dos avisos nas últimas semanas, sobre todo na terceira semana de outubro con 1.738 avisos, e en todo o mes mais de 6.300. Con todo, aclarou que o importante é que este aumento “non supón un incremento dos avisos rexistrados antes da implantación deste plan de choque”.
Xunto co trampeo e a retirada de niños primarios, o plan inclúe outras actuacións como actividades de formación dirixidas a persoal de campo encargado de colocar as trampas ou de retirar os niños e xornadas de divulgación para que a cidadanía coñeza o ciclo da vespa velutina e a forma de proceder ante a súa presenza ou as medidas de precaución que se deben tomar. Ademais, apóstase polo impulso da investigación científica e colaboración co persoal investigador universitario.
Neste senso, a directora xeral apuntou que se percibe unha maior colaboración cidadá grazas ás campañas de divulgación e ás alternativas para rexistrar avisos da presenza de niños tanto no teléfono 012 como a través dun chatbot ou un robot virtual baseado en intelixencia virtual que están dispoñibles durante as 24 horas os 365 días do ano. “A velutina é unha especie que se caracteriza pola súa adaptabilidade ao territorio pero a cidadanía cada vez ten máis información sobre a forma de actuar e máis canles para comunicar os avisos grazas a un protocolo claro e consolidado dende hai anos”, concluíu Natalia Prieto.
Convenios cos concellos
Por outra banda, Natalia Prieto contestou unha pregunta en relación cos convenios asinados cos concellos para a concesión directa de axudas, cos que, segundo explicou, a Xunta quere dar resposta a necesidades urxentes e extraordinarias das entidades locais que non poden ser cubertas no marco das convocatorias de liñas de axudas. Nesta liña, incidiu no esforzo orzamentario do Goberno galego para apoiar aos concellos, que medra en 2026 ata os 670 millóns de euros, case 30 millóns máis que este ano e “a cifra máis alta da historia dos orzamentos autonómicos”, apuntou. Así, desde a Xunta “seguiremos loitando da man dos concellos e reclamando un sistema de financiamento xusto que recoñeza as peculiaridades de Galicia e os criterios de dispersión e envellecemento”, sinalou.



