HomePontevedraPoioSan Martiño volve encender Poio: tres días para celebrar, xogar e compartir...

San Martiño volve encender Poio: tres días para celebrar, xogar e compartir a tradición

- Anuncio -spot_img

• A tradicional castañada e magosto ofrecerán castañas asadas e viño de balde para todo o público, recuperando o sabor máis auténtico do outono.
• A festa contará con carpa e bar da comisión para garantir o bo ambiente e o desfrute de todas as actividades, mesmo en caso de chuvia.

A praza da Capela de San Martiño, en San Xoán de Poio, converterase do 9 ao 11 de novembro no corazón dunha das citas máis agardadas do outono: a Festa de San Martiño, organizada pola Asociación Gaiteiro Manuel Villanueva a través da súa comisión de festas. Música local, gastronomía tradicional, actividades para todas as idades e moitas ganas de celebrar conforman unha programación integramente gratuíta, pensada para desfrutar en familia.

domingo abrirá a festa cun dos seus momentos máis característicos e esperados: as Olimpíadas de Outono. Ás 10:00 comezan os xogos tradicionais, unha actividade que pon en valor a nosa cultura popular e fomenta a convivencia interxeracional. Ás 11:00, o ambiente encherase co pasarrúas, seguido da sesión vermú ás 12:00 con Marietta e a Charanga 112, e coa imprescindible pulpeira do Carballiño. Xa pola tarde, a partir das 18:30, será a quenda dos concertos de Vila Mariachi e Bahía de Tambo, con especial protagonismo para a música feita en Poio. A xornada culminará ás 20:30, cando a asociación convidará a todas as persoas asistentes a unha degustación de rosca, para finalizar unha tarde de festa e boa compañía.

luns 10 celebrarase a tradicional castañada, con castañas asadas e viño do país, que reviven o espírito máis acolledor do outono. A actividade comezará ás 20:00 horas, e ás 21:00 dará comezo a noite musical con O Son da Pedra Meiga e DJ Due.

Todas as actividades serán de balde, co obxectivo de fomentar a participación e o encontro veciñal.

martes 11, día grande de San Martiño, comeza cos pasarrúas de Vides Novas. A misa solemne, ás 12:00 e cantada pola Coral Virxe de Fátima, estarña seguida da sesión vermú con degustación de petiscos para todas as persoas asistentes. Xa pola noite, a partir das 20:30, comezará a gran verbena final da man da orquestra Marbella e DJ Due, poñendo o broche a unha celebración que se mantén viva grazas ao compromiso e á ilusión das veciñas e veciños de Poio.

Durante as tres xornadas, a carpa e o bar da comisión garantirán bo ambiente e serán punto de encontro para compartir momentos de lecer, lembrando que non se permite o botellón, coa fin de preservar a convivencia e o desfrute de todos.

O presidente da Asociación Gaiteiro Manuel Villanueva, José Ángel Lodeiro, anima á participación e convida a facer desta edición unha das máis especiais:

“San Martiño é moito máis que festa: é un momento para xuntarnos, celebrar o que somos e manter viva a nosa tradición. Queremos que toda a veciñanza participe e que Poio volva vibrar coa súa música e coa súa xente.”

A comisión de festas quere transmitir o seu agradecemento ao Concello de Poio e á Deputación de Pontevedra pola súa colaboración, así como a todas as veciñas, veciños e empresas locais que contribuíron economicamente para facer posible, un ano máis, esta celebración tan enraizada na identidade da parroquia.

Publicacións Relacionadas