O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañou á alcaldesa Nava Castro e ao concelleiro de Ensino, Ricardo González, na inauguración deste proxecto pioneiro
O Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas vive un fito histórico coa posta en marcha do seu primeiro proceso integral de modernización e dixitalización desde a súa creación no ano 1983. A inauguración oficial deste proxecto contou coa presenza do conselleiro de Educación, Universidade e Formación Profesional, Román Rodríguez, quen destacou o compromiso de Ponteareas coa cultura e coa innovación educativa.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Ensino, Ricardo González, acompañados polo membro da Real Academia Galega de Belas Artes, Alejo Amoedo, e pola dirección do centro, deron a benvida ás familias e ao alumnado neste novo tempo para o conservatorio, que conta actualmente con 220 alumnas e alumnos. O proxecto, cun investimento de 130.000€, supón un salto cualitativo na docencia musical e na xestión administrativa do centro.
“Queremos que o noso alumnado se sinta orgulloso do seu conservatorio, que reciba unha formación actualizada e que o profesorado dispoña das ferramentas tecnolóxicas que faciliten e melloren o seu traballo”, subliñou a alcaldesa, Nava Castro, quen tamén salientou que esta transformación “responde ao compromiso do goberno local cun ensino musical de calidade e cun aproveitamento máis eficiente das instalacións”.
A dirección do Conservatorio Superior de Música de Ponteareas, co que o Concello ten un convenio de colaboración para a promoción do alumnado e o impulso de actividades educativas conxuntas, tamén participou a través dunha videoconexión na que salientou as posibilidades que ofrece o mundo dixital.
Software, equipamentos e conexións interactivas
O concelleiro de Ensino, Ricardo González, destacou que esta reforma integral permitirá dotar o conservatorio dun software de control e xestión específico para centros musicais, ademais de novo hardware e infraestruturas interactivas. O proxecto desenvolverase en dúas fases e incluirá:
- Software integral de xestión académica con comunicación interna, contabilidade, xerador de horarios con intelixencia artificial, control horario e de ausencias.
- Paneis interactivos en 24 salas (11 aulas e 13 cabinas de estudo), pedais bluetooth, trípodes soporte para tablets e dispositivos Android para o visionado de partituras.
- Sistema de videoconferencia para a sala polivalente e control de accesos electrónico con tarxetas e códigos personalizados.
- 19 novos equipos informáticos para profesorado e alumnado.
Ricardo González engadíu que despois desta primeira fase de implantación de recursos académicos dixitais procederase á implantar os controis de entrada e pechaduras electrónicas para completar o proceso de actualización e mellorar o servizo ofrecio á comunidade educativa deste centro.
Ademais da actualización tecnolóxica, o proxecto contempla obras de reorganización e adaptación de espazos para mellorar a funcionalidade das aulas e cumprir coa normativa vixente.
“Traballamos para que o Conservatorio Reveriano Soutullo sexa un referente en innovación e experiencia educativa, e para que o noso alumnado teña acceso aos mesmos recursos que os grandes centros de ensino musical do mundo”, explicou Ricardo González.
Durante o acto, o conselleiro Román Rodríguez puxo en valor a tradición musical de Ponteareas, “unha vila que fixo da música un dos seus sinais de identidade, con tres bandas e escolas de música, un conservatorio con graos elemental e profesional e a escola municipal de música”.
A dixitalización do Conservatorio Municipal Reveriano Soutullo constitúe, así, un novo paso na aposta de Ponteareas pola excelencia educativa e pola innovación tecnolóxica ao servizo da cultura.



