• Alertan do mal estado dos polideportivos: pingueiras, vestiarios deteriorados, limpeza insuficiente e falta de conserxes e de revisións de seguridade
• Denuncian que os clubs xa asumen reparacións e compras de material
• Izaskun García: “Hai consenso e urxencia: o único que falta é xestión”
O Partido Popular de Culleredo propón un plan de choque #ante a situación de abandono do deporte local por parte do goberno municipal e esixe ao alcalde, José Ramón Rioboo, que cumpra os acordos adoptados polo pleno e active sen máis demoras a reforma pendente do pavillón de Tarrío, o plan de mantemento integral de todas as instalacións deportivas e a convocatoria estable de axudas anuais para os clubs.
Tras reunirse con diversas entidades deportivas do concello, os populares trasladan un diagnóstico compartido sobre o estado das instalacións: hai pingueiras e humidades, os vestiarios están moi deteriorados, o parqué das pistas está danado, a limpeza é insuficiente e non hai conserxes nin tampouco revisións de seguridade. “En moitos casos son os propios clubs quen asume as reparacións e quen compra material cos seus recursos. Non se pode soster o deporte municipal só coa boa vontade dos clubs”, afirma a portavoz popular, Izaskun García.
García subliña que o deporte en Culleredo “necesita xestión, non escusas”, e asegura que “os acordos do pleno aprobáronse para cumprirse, non para quedar nun caixón”. A portavoz popular afirma que, mentres o alcalde segue paralizado, sen tomar decisións, “o PP xa está a actuar como un goberno en marcha, escoitando aos clubs, planificando solucións e poñendo orde onde outros só xeran abandono”.
Para o PP, a situación do polideportivo de Tarrío é o exemplo máis grave e preocupante da inacción municipal. Os populares lembran que en 2021 adxudicouse unha reforma integral do pavillón que nunca se executou pola paralización do proxecto —tras o expediente sancionador ao arquitecto municipal— e a posterior renuncia da empresa á que se adxudicou. “Catro anos despois seguimos sen obra e sen solución, mentres centos de deportistas adestran en instalacións que caen a pedazos”, sinala Izaskun García. Por iso, pide ao alcalde que pase das promesas aos feitos e apróbese canto antes o proxecto anunciado, que salga a licitación e a obra arrinque en xuño, coincidindo co fin da tempada.
O grupo municipal popular reclama tamén unha política estable de subvencións que ofreza certeza aos clubs. Tras dous anos sen convocatorias, o Concello sacou agora unha liña de axudas para 2024 e 2025 que “chega con moito atraso”. De feito, a última convocatoria, de decembro de 2023, non foi abonada aínda a todos os clubs, o que impide planificar con seguridade. “Estas axudas deben concederse cada ano, en prazo e con certeza, como ocorre noutros concellos veciños e con outras administracións”, apunta a portavoz do PP.
Izaskun García lembra, ademais, que foi o PP quen levou ao pleno as propostas de reforma do pavillón de Tarrío, o plan anual de subvencións e o de mantemento integral das instalacións, e que foron aprobadas por todos os grupos, tamén polo PSOE. “Hai consenso e hai urxencia: o único que falta é xestión municipal”, insiste. A portavoz popular asegura que os clubs, os deportistas e as familias “non piden luxos, senón instalacións en condicións dignas e seguras para adestrar e competir”. E engade: “Culleredo non pode esperar máis. Cando gobernemos devolveremos ao deporte local o respecto e o apoio que se perderon”.



