HomeA CoruñaO Concello de Ribeira homenaxea ao regatista Bruno Iglesias polos seus recentes...

O Concello de Ribeira homenaxea ao regatista Bruno Iglesias polos seus recentes éxitos

- Anuncio -spot_img

 A alcaldesa e o concelleiro de Deportes fixéronlle entrega dunha placa conmemorativa

A corporación municipal de Ribeira quixo recoñecer a traxectoria e os últimos logros acadados polo regatista Bruno Iglesias Sanlés coa entrega dunha placa, nun acto no que tamén estivo acompañado pola súa familia e o Club Náutico Deportivo de Ribeira.

No transcurso da actual tempada, o deportista sitúase como campión do ranking. Ademais, alzouse co título de Campión de España na Copa de ILCA 6 celebrada na outra banda da ría de Arousa no pasado mes de outubro, liderando as categorías sub-17, sub-19 e sub-21.

Durante o acto, a alcaldesa, María Sampedro, expresou o “orgullo de celebrar sempre aos nosos veciños e hoxe é un día para celebrar a unha futura promesa da vela. Somos un municipio que mira ao mar, estreitamente vencellado a el, tamén no ámbito deportivo. Bruno é un claro exemplo deses deportistas que empezaron na casa ata acadar gran proxección, pero sen nunca esquecer os seus inicios. E aínda todo o camiño que lle queda por diante e tódolos títulos por conquistar para seguir facéndonos sentir orgullosos, para seguir levando o nome de Ribeira onde queira que vaia.” A isto, a mandataria local engadiu que “nós queremos desexarlle que o vento sempre sopre ao seu favor e que conta co cariño de toda a cidadanía ribeirense como tripulación onde queira que se dirixa, independentemente do estado do mar.”

Unha futura promesa que xa conta con bagaxe no mundo do mar porque, como repasou o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, estes últimos resultados son froito “dunha absoluta dedicación e entrega á vela. De seguro que nos seguirá traendo alegrías a Ribeira.” Unha afección que comezou no 2018 para transformarse en paixón.

Comezou na Escola de Vela Ramiro Carregal Rey, do Club Náutico Deportivo de Ribeira, como regatista da clase Optimist para, pouco a
pouco, ir colleitando triunfo tras triunfo: Copa Galicia Optimist no 2021, segundo posto no ranking galego na clase Optimist na tempada 2021-2022 ou o título de campión galego e campión do ranking autonómico da clase Optimist durante o 2022-2023.

Na tempada 2024-2025 fíxose merecedor dunha praza no Centro Galego de Tecnificación Deportiva dentro do Programa de Tecnificación do Centro Galego de Vela, na clase estratéxica xuvenil ILCA 6, sub-19. E, nesta mesma etapa, conseguiu un primeiro posto na categoría sub-17 no Campionato de España celebrado en Murcia, clasificándose directamente para o Campionato de Europa da clase, que tivo lugar en Vilamoura, en Portugal. Acabou a tempada situándose á cabeza no ranking galego.

Ademais, en anos anteriores, xa liderou o ranking autonómico e conseguiu estar entre algúns dos mellores postos sub-16, na clase ILCA 4, en diversos campionatos disputados no 2023-2024.

En representación do Club Náutico Deportivo de Ribeira, falou o seu presidente, José Luis Torres Colomer, quen estaba tamén acompañado polo director da escola, José Fandiño. Segundo augurou o presidente, Bruno é “un futuro olímpico” que se constata “tácticas espartanas” onde prima o esforzo e sacrificio para estar en forma física e mentalmente. Tamén tivo palabras para o resto de deportistas do Escola de Vela, a quen se referiu como “futuros campións.”

Recoñecemento ao labor do club

A rexedora quixo remarcar a importancia que ten para a sociedade o club, con 400 socios e 250 embarcacións, así como o seu mecenas e presidente honorífico, Ramiro Carregal Rey. “Quero agradecer en nome deste Concello a súa entrega para formar aos máis mozos na vela, por fomentar a práctica deportiva e os importantes valores inherentes á mesma. Tamén grazas por tódalas competicións que organizan, erixindo Ribeira como un dos principais portos para a vela.

En definitiva, grazas por facer que o mar de Ribeira non sexa só medio para vivir, senón que tamén para sentir”, declarou.

Publicacións Relacionadas