- A conselleira do Mar, Marta Villaverde destacou que se trata “dunha feira única, sinónimo da Galicia Calidade que representan os produtos de alta gama do mar
- Na cita tamén están presentes 29 produtores adheridos ao distintivo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria para dar a coñecer as súas elaboracións entre os asistentes
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou este sábado na inauguración da novena edición de Etiqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego, na que a Xunta promociona a industria conserveira da comunidade, a través do stand de GALICIA SABE AMAR, e tamén os nosos produtos agroalimentarios artesanais.
No expositor da Consellería da Consellería do Mar sitúanse ata oito empresas deste sector, que levan a Pontevedra algunhas das súas principais propostas gastronómicas, e que son: Mareterra conservas, Algas La Patrona, Contrabando da Ría, Conservas Artesanas Gallegas, Conservas Lago Paganini, Pepa A Loba, OPP-95 Noia e Mariscadora.
A responsable autonómica destacou que “é unha feira única, sinónimo da Galicia Calidade que representan os produtos de alta gama do mar”, pois nela danse cita expositores, exportadores, distribuidores tendas e restauradores. “O foro perfecto” -dixo- “para reivindicar o papel da nosa costa como unha das despensas máis ricas e diversas do Atlántico, algo que sempre puxemos en valor, entendendo o litoral galego como o gran provedor de recursos mariños de Europa”. O salón reúne alta cociña, tradición e vangarda, no que a orixe é sinal de referencia e diferenciación.
Produtos agroalimentarios artesanais
A Consellería do Medio Rural tamén está representada neste evento gastronómico, que se celebrará ata o vindeiro luns, con 29 produtores artesáns adheridos ao distintivo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, que aproveitan para dar a coñecer as súas elaboracións. Ademais, disporán en torno á súa presenza, unha serie de actividades coas que poñer en valor os seus produtos.
Deste xeito, haberá unha aula de cata da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para a promoción específica deste distintivo, onde se desenvolverá un amplo programa de presentacións dos artesáns e degustacións. Tamén se contará coa participación dos chefs Marcos Arufe e Criselda Iglesias, que farán elaboracións culinarias cos produtos artesáns presentes en Etiqueta Negra e outros amparados polos diferentes distintivos de calidade alimentaria. No programa tamén se inclúe para mañá, ás 13,00 horas, no anfiteatro do recinto da feira, unha demostración de cociña denominada Descubre a alma da auténtica Artesanía Alimentaria, dirixida para unhas 80 persoas e conducida polos chefs Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova de Verín; e Xulio Mato, da empresa Culinaria.



