A vicepresidenta provincial enxalza a contribución destas entidades “á revitalización de barrios e parroquias” e destaca o seu labor nos eidos educativo, social e cultural
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de anunciar que a institución provincial subvencionará sete escolas de música de asociacións sen ánimo de lucro de Vigo con un total de 30.131 euros.
As beneficiarias destas axudas concedidas en réxime de concorrencia competitiva son a Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia, a Asociación Banda de Musica Unión Musical de Valladares, a Asociación Veciñal Val do Fragoso, a Banda Escola de Música de Beade, a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida, a Unión Musical de Coruxo e o Ateneo Musical de Bembrive.
Durante a visita a un dos ensaios desta última formación musical, que acadou un segundo posto no Certame Galego de Bandas de Música celebrado en outubro en Pontevedra, Luisa Sánchez enxalzou o labor destas entidades tanto no eido educativo como no social e cultural. “Ofrecen unha formación accesible a persoas de todas as idades e niveis, promoven a cultura e a tradición, propician puntos de encontro e convivencia e fomentan o desenvolvemento persoal e artístico da súa veciñanza. En resumo, son un motor fundamental que contribúe á inclusión e á revitalización de barrios e parroquias”, apuntou.
Vigo é o concello ao que se destinan máis fondos desta liña de subvencións e tamén é onde máis agrupacións resultan beneficiarias. De feito, as escolas de música de asociacións sen ánimo de lucro da cidade olívica recibirán unha cuarta parte da contía total que a Deputación dedica a apoiar a actividade destas entidades en toda a provincia, que ascende a 120.000 euros. De xeito individualizado, os importes oscilan entre os 3.500 e os 4.900 euros.
Con estas asignacións, as escolas de música poden afrontar, entre outras cuestións, os gastos de persoal e de material de oficina, subministracións, reparación e conservación dos seus locais, reparación de instrumentos, primas de seguros, servizos de asesoría ou xestoría e tamén gastos de prevención de riscos ou recoñecemento médico.



