• A proposta do líder do PP de Pontevedra contempla que cada persoa poida solicitar ata tres bonos de 50 euros por campaña, cofinanciados ao 40% polo Concello e ao 60% polo beneficiario, para incentivar as compras antes da campaña de Nadal e as rebaixas do verán
• “Apostamos por sumar esforzos e ofrecer axudas directas para multiplicar o efecto positivo que tiveron os Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia nos máis de 270 locais adheridos en Pontevedra”, destaca Domínguez
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polos concelleiros Juan Manuel Muñoz e Silvia Crespo, presentou a iniciativa Bonos Pontedecompras! para impulsar a economía local e reforzar o apoio ao pequeno comercio da cidade.
A proposta do líder do PP de Pontevedra para impulsar desde o Concello, do mesmo xeito que teñen en vigor outras cidades como Santiago de Compostela ou Vilagarcía de Arousa, estaría dirixido a todas as persoas maiores de idade e empadroadas na cidade. Os establecementos que se somen á iniciativa deberán cumprir unha serie de requisitos, co obxectivo fundamental de excluír a grandes superficies e concentrar o impacto económico no comercio de proximidade, a hostalería, o Mercado de Abastos e os autónomos de Pontevedra.
A dotación orzamentaria para esta iniciativa municipal alcanzaría os 800.000 euros, divididos en dúas anualidades semestrais de 400.000 euros para lanzar ao mercado os meses de maio e novembro. Ademais, cada persoa poderá solicitar ata tres bonos de 50 euros por campaña, cofinanciados ao 40% polo Concello e ao 60% polo beneficiario para incentivar as compras antes da campaña de Nadal e as rebaixas do verán.
Domínguez expuxo esta iniciativa como un complemento aos Bonos Activa Comercio da Xunta de Galicia, que xeraron en apenas dous días un retorno estimado de 8,5 millóns de euros tras un investimento inicial de 2,5 da administración autonómica. “Desde o PP de Pontevedra apostamos por sumar esforzos e ofrecer un diñeiro extra municipal que multiplique o efecto positivo que xa están a ter os bonos autonómicos, desde a súa posta en funcionamento en 2021”, afirmou.
O xefe da oposición avanzou que se o goberno local do BNG non implanta esta positiva medida para a cidade, incorporarao ao seu programa de goberno para o ano 2027: “Cando cheguemos á alcaldía, poñeremos en marcha os Bonos Pontedecompras! para incentivar as compras dos pontevedreses e dar un empuxón ás vendas dos comerciantes que levantan a persiana cada día, competindo contra as grandes multinacionais achegando valores engadidos como a proximidade e a experiencia profesional”.
Por último, reivindicou unha visión de futuro para a cidade co obxectivo de “empezar a deseñar a Pontevedra do futuro e deixar atrás o pasado cun Lores cada vez máis canso. Outra cidade é posible, unha cidade máis limpa, máis segura, con aparcamentos disuasorios, con vivenda alcanzable, con iniciativas que permitan aos mozos construír aquí o seu proxecto de vida, cunha biblioteca municipal e, por suposto, con medidas reais de apoio directo ao comercio local como nos comprometemos a impulsar cos Bonos PontedeCompras!”.
Bonos Pontedecompras!, tamén nas 15 parroquias do rural
A concelleira Silvia Crespo destacou as vantaxes para o pequeno autónomo da cidade, e tamén para os pequenos comerciantes dos barrios e das 15 parroquias do rural pontevedrés que se beneficiarían dunha iniciativa que pretende chegar ao máximo número posible de negocios. “Os Bonos Pontedecompras! achegarían ao consumidor ao comercio, proporcionarían liquidez inmediata, aumentarían o valor do ticket medio e todo sen burocracia”, destacou antes de sinalar que “o beneficio é incuestionable ao contar cunha subvención municipal de ata 60 euros para gastar 150 euros en cada campaña”.
“É un bono municipalista, un investimento intelixente na cidade do futuro e, ademais, cun calendario adaptado á realidade comercial de Pontevedra, que permitiría desestacionalizar o sector e mobilizar un retorno aproximado de ata 2 millóns de euros no comercio de proximidade”, concluíu.



