HomeTabeirósCerdedo - CotobadeErnesto Filgueira insta a Cubela a defender os intereses da veciñanza e...

Ernesto Filgueira insta a Cubela a defender os intereses da veciñanza e opoñerse á instalación do parque eólico GRECO NORTE

- Anuncio -spot_img

Estragaría espazos de grande valor ecolóxico pola súa proximidade á Rede Natura 2000 (ZEC Serra do Cando), afectaría a restos arqueolóxicos catalogados e levariase por diante a piscina pública de Caroi

O BNG levará ao próximo pleno municipal unha moción de rexeitamento ao parque eólico Greco Norte, que afecta ás parroquias de Caroi, Loureiro, Valongo (aeroxeradores) e Augasantas (liña de evacuación), que actualmente está en fase de avaliación ambiental, polo grande estrago que produciría no territorio.

Na moción, Ernesto Filgueira insta ao pleno da corporación a rexeitar a instalación do parque eólico, presentar alegacións e poñelas a disposición das veciñas e veciños, e esixir da Xunta que se revogue a autorización que lles deu para instalar este parque fóra da área de desenvolvemento eólico.

Este Parque eólico, de tramitación estatal, promovido polo grupo Villar Mir, está incluído no marcoproxecto Greco, con graves afectacións sobre o medio ambiente, a saúde, a calidade de vida e os usos propios do territorio: residencial, económicos e produtivos, etc., afectando a restos arqueolóxicos catalogados ubicados no interior da poligonal e levando por diante a piscina pública de Caroi.

Recentemente, a Xunta de Galiza ven de autorizar que este parque se poda facer fóra da área de desenvolvemento eólico, un feito que Filgueira non dubidou en calificar de “cacicada”.
Para o voceiro do BNG “é necesario que o alcalde se plante ante esta ameaza de proxectos eólicos que incidirían moi negativamente no noso territorio e a calidade de vida dos seus habitantes, e poña todos os recursos dispoñíbeis para frear este novo atentado ambiental e contra a saúde e o benestar dos nosos veciños e veciños”.

O portavoz nacionalista lembra que non ten sentido instalar máis aeroxeneradores nunha zona xa amplamente saturada e próxima á Rede Natura 2000, e que tería un impacto directo e crítico nunha zona ben conservada e con hábitats de interese prioritario.

Polo tanto, “desde o BNG instamos a sumar esforzos de todas as forzas políticas para impedir este novo atentado contra o noso concello, alegando conxuntamente contra a súa instalación e esixíndolle á Xunta de Galiza que revogue a autorización que lle deu para poder instalarse en terreos que están fóra da área de desenvolvemento eólico”, cocluíu Filgueira.

Publicacións Relacionadas