Este mércores, ás 19 h, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela acolle unha Xornada sobre a Recuperación da Memoria Democrática en Tui organizada polo Concello de Tui dentro do programa de actividades do Mes da Memoria.
Esta actividade comezará coa conferencia inaugural “As vítimas e a memoria” por Lourenzo Fernandez Prieto, catedrático de historia contemporánea da USC e numerario da Real Academia Galega.
A continuación celebrarase unha Mesa redonda coas intervencións de Helena Pousa Ortega, profesora, que falará sobre a represión tras a sublevación do 18 de xullo do 1936 centrada especialmente nas mulleres; Natalia Jorge Pereira, investigadora, cunha intervención sobre os anos de fame e represión da postguerra e o papel no contrabando naqueles tempos; e Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor, que recuperará a memoria das vítimas especialmente a través dos seus escritos.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta xornada é unha oportunidade de achegarse a coñecer un momento da nosa historia vinculado co golpe militar do 1936, a represión e a posterior ditadura co obxectivo de recuperar esa memoria, dignificar a todas as vítimas e abrir espazos de aprendizaxe da nosa historia recente e de debate para desenvolver un espírito critico nun momento en que parecen medrar as mensaxes básicas, as ideas sinxelas pero polémicas un revisionismo que descoñece o noso pasado, e que pode desembocar incluso no odio.
Este programa de actividades do “Mes da memoria” celébrase co impulso da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade’. Como sinala Carmina Gustrán, comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade: “Celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”.



