HomeVigoMosMos celebra a Mesa Local de Comercio e presenta novas campañas de...

Mos celebra a Mesa Local de Comercio e presenta novas campañas de dinamización como pistoletazo de saída da feira “Queda en Mos III”

- Anuncio -spot_img

O Pazo de Mos acolleu esta mañá a reunión da Mesa Local de Comercio, presidida pola alcaldesa Nidia Arévalo, e que contou coa participación do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, así como das concelleiras Julia Loureiro e Felisa Rodríguez, a presidenta da Asociación de Comerciantes de Mos (AcesMos), Carmen Soliño, así como representantes de Aemos e da Asociación de Hostalaría e Turismo de Mos (BaresMos).

Durante a sesión fíxose balance das campañas recentes e presentáronse novas accións de apoio ao comercio local, que servirán como pistoletazo de saída da III Feira de Comercio Local “Queda en Mos”, que se celebrará os días 6 e 7 de decembro no entorno do Pazo de Mos.

Durante o encontro, fíxose balance da campaña “Merca no teu comercio – Mos”, desenvolvida coa colaboración da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, que contou coa participación de 27 establecementos (24 de Mos) e repartiu 1.000 euros en premios para incentivar o consumo local.

Entre as novas accións destaca a campaña “Mulleres co Comercio”, que reúne dúas iniciativas complementarias:

·         “Mos dá a cara”, acción simbólica e social que implica ao comercio local na loita contra a violencia de xénero, mediante a exhibición de carteis nos escaparates e o uso do hashtag #MosDaACara.

·         Unha campaña de dinamización liderada polas mulleres de Mos, que promoverá as compras no comercio de proximidade e a realización de encontros arredor do consumo local —almorzos, cafés ou merendas— en colaboración coa Asociación de Hostalería Bares Mos.

Ambas iniciativas pretenden reforzar a unión entre comercio e hostalería, en coordinación co Concello e coa Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), sumando esforzos pola dinamización económica e social do municipio.

Tamén se presentou a campaña “Compra e Gaña en Mos”, que se desenvolverá do 11 de novembro ao 4 de decembro e repartirá tarxetas regalo de 200, 100 e 50 euros entre as persoas que realicen as súas compras no comercio local.

Os premios entregaranse o 6 de decembro, coincidindo coa inauguración do mercado “Queda en Mos III”. Esta feira consolidarase, un ano máis, como un gran escaparate do comercio e da hostalería de Mos, con postos, gastronomía, música e actividades para toda a familia.

“A Mesa Local de Comercio é o punto de partida dunha programación que combina economía, igualdade e comunidade. Mos aposta pola cooperación entre sectores e pola forza do comercio de proximidade”, destacou a alcaldesa Nidia Arévalo.

Publicacións Relacionadas