- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
- O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa
A Xunta acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a implantación dunha planta de compostaxe de residuos non perigosos, a partir de restos vexetais agrícolas e biorresiduos de orixe doméstica, para a obtención de compost, na parroquia de San Salvador, no Concello de Meis.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de dez organismos interesados.
Froito desas consultas, distintas entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, do solo e das augas, da integración paisaxística, así como do patrimonio natural e cultural, entre outros.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e dáselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Características do proxecto
A valorización realizarase nunhas instalacións a construír nunha parcela de 13,27 hectáreas. En concreto serían unha nave, dez silos de maduración e unha balsa de augas residuais e lixivias, que ocuparían unha superficie de máis de 3.460 m2.
O obxectivo é obter compost a partir de restos vexetais agrícolas e biorresiduos de orixe doméstica para o seu uso como fertilizante nas plantacións de viñedo do promotor (Bodegas Martín Códax, SAU). A previsión é tratar os residuos de produción propia, así como os biorresiduos aceptados da recollida municipal.



