O presidente provincial, Luis Menor, destacou “a forza, a profesionalidade e o compromiso dos equipos que defenden o noso territorio” e trasladou un agradecemento público aos bombeiros, brigadistas, técnicos, condutores, persoal de maquinaria e coordinación provincial que participaron na loita contra o lume
Esta xornada técnica está organizada pola institución provincial en colaboración coa Xunta de Galicia, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación MAPFRE
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou hoxe a Xornada Técnica sobre Prevención e Intervención en Incendios Forestais, organizada pola institución provincial en colaboración coa Xunta de Galicia, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e a Fundación MAPFRE.
O encontro, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, cobra un significado especial despois do verán máis difícil que se recorda en materia de lumes forestais, un período que puxo a proba a capacidade de resposta de todos os servizos de emerxencia da provincia.
Durante a súa intervención, Luis Menor destacou “a forza, a profesionalidade e o compromiso dos equipos que defenden o noso territorio” e trasladou un agradecemento público aos bombeiros, brigadistas, técnicos, condutores, persoal de maquinaria e coordinación provincial que participaron na loita contra o lume.
Entre o 11 e o 28 de agosto, Ourense sufriu unha vaga de incendios sen precedentes, que afectou a concellos de practicamente todas as comarcas —Valdeorras, Verín, Monterrei, Trives, Maceda, A Limia ou A Gudiña, entre outros—. O presidente lembrou que o CECOPI se activou desde o primeiro momento, e que os parques comarcais dependentes da Deputación “responderon con total dispoñibilidade, mobilizando máis de sesenta efectivos operativos, traballando en quendas de 24 horas e reforzando dispositivos en toda a provincia”.
A xornada, engadiu Menor, nace precisamente desa experiencia, co obxectivo de converter o sufrimento do verán de 2025 nun aprendizaxe colectivo e nun exercicio de mellora continua. “Non queremos que este verán se lembre só pola devastación, senón pola capacidade de aprender e cooperar que xurdiu da crise”, subliñou.
Programa
O programa da xornada inclúe relatorios e mesas técnicas centradas en prevención, coordinación operativa, formación, cambio climático e resposta ante os chamados incendios de última xeración.
O presidente provincial destacou que “Ourense quere ser parte da resposta”, lembrando que a Deputación puxo en marcha a Mesa Provincial de Incendios Forestais, un espazo estable de traballo conxunto entre administracións, cidadáns e profesionais que permitirá mellorar a planificación, a prevención e a xestión do risco.
Menor resaltou tamén a importancia da cooperación transfronteiriza, agradecendo a participación de expertos de Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal: “O lume non coñece fronteiras, e a mellor maneira de combatelo é compartindo coñecemento, innovación e experiencia”.
Finalmente, reafirmou o compromiso firme da Deputación de Ourense coa seguridade das persoas e coa protección do medio natural, destacando que “a prevención é o mellor investimento e a formación dos nosos profesionais, o mellor seguro para o futuro”.
O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia (o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo); do presidente da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), Manuel Carlos García; e o presidente da Fundación MAPFRE, Antonio García, ademais de técnicos, responsables de parques de bombeiros, autoridades locais e expertos en xestión forestal e emerxencias.



