A voceira Marga Caldas alerta de que as luminarias da vía están apagadas e a Policía Local non está operativa, o que crea unha grande situación de vulnerabilidade entre a veciñanza
O BNG de Poio vén de denunciar a falta de iluminación e inseguridade durante as obras da PO-308 en Poio. A voceira Marga Caldas alerta de que a sensación de vulnerabilidade e a preocupación entre a veciñanza é máxima: a rúa mantense dende hai máis dunha semana con todas as luminarias apagadas, xa houbo roubos nas inmediacións e, ademais, a Policía Local non está operativa. Eses tres factores, apunta a nacionalista, son un cóctel perigoso que fai que a xente estea intranquila “con toda a razón”, polo que insta ao Concello e á Xunta de Galicia a corrixir a situación de maneira inmediata “con focos temporais ou de calquera outro xeito”.
Segundo destaca a formación, a empresa responsable da reforma desconectou todos os farois da zona, deixando só un foco aceso que resulta insuficiente para iluminar adecuadamente todo o amplo treito afectado. “Se non fose polas luces dalgúns negocios e comercios, agora que ademais os días son máis curtos, o tránsito pola zona sería imposible xa dende as seis da tarde. Non se pode organizar unha obra deixando á xente sen iluminación”, advirte Caldas, que sinala que o ‘ambiente’ é propicio para que se produzan incidencias. Lembra que en Andurique, nas inmediacións á zona sen luz, denunciouse recentemente o roubo dun vehículo, o que incrementa o desasosego e a alarma veciñal.
“A sensación de inseguridade entre a veciñanza é total. A PO-308 é unha rúa pola que transitan moitas persoas, algunhas delas que volven andando soas dos seus traballos xa pola noite, e hai medo polo que poida pasar. Ter que camiñar a escuras resulta intimidante”, subliña Caldas, quen destaca que, ademais, hai maior risco de caídas e menos visibilidade para os vehículos, o que pode xerar accidentes “totalmente innecesarios”.
A esta situación de falta de luminarias, alerta a voceira do Bloque, súmase a ausencia da quenda de tarde na Policía Local, que permanece inoperativa dende hai máis dun ano sen que se vexan visos de solución. “Se pola falta de luz acontecese calquera incidencia, ademais, tampouco hai axentes da Policía Local que poidan atender de maneira rápida. O posto de mando está na zona afectada, e iso podería axudar a de modo disuasorio e preventivo, máis está pechado a cal e canto”, engade a nacionalista.
Por todo isto, o BNG solicita ao Concello e á Xunta que tomen medidas urxentes para que a empresa adxudicataria da reforma da estrada mellore a iluminación e as condicións de seguridade na zona, instando a que se restableza de maneira inmediata un sistema de iluminación eficiente que garanta a seguridade dos peóns e evite incidentes. “Entendemos que as obras xeren molestias, pero non que comprometan a seguridade da xente”, lamenta Caldas.



