Padrenda é a parroquia máis afectada cando se cumpren quince días do inicio da avaría.
O BNG de Meaño solicita o arranxo inmediato das fallas no alumeado público que dende hai quince días afectan a distintas parroquias do concello. Padrenda é a máis afectada, chegando a ter tramos de máis de 2Km continuos a escuras. Ao mesmo tempo estanse a producir incidencias de menor alcance nas restantes parroquias: Meaño, Xil, Dena, Simes, Lores, Covas…
A veciñanza afectada puxo en coñecemento da Alcaldía a falta de luz na vía pública mais o rexedor Carlos Viéitez continúa sen dar solución ao problema. Lamentan a irresponsabilidade da Alcaldía, que non tivo a consideración de reunirse coa veciñanza afectada nin emitir comunicado algún ao respecto.
Dende a agrupación lembran que o Goberno Municipal ten a obriga de garantir alumeado público, como establece a o artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que concreta que “o concello debe garantir a instalación, mantemento, reparación e mellora das luminarias, farois, cableado e sistemas de control do alumeado no termo municipal”.
Inciden en que o alumeado público se fai aínda máis necesario no horario de inverno, onde hai menos horas de luz, e sosteñen que é preciso coidar servizos básicos coma este que dende a administración local contribúen á seguridade e comodidade dos veciños e veciñas que viven no rural. Investir no alumeado público é tamén investir no social, pois as persoas de avanzada idade que viven soas teñen dereito a sentirse seguras na súa casa.
O BNG de Meaño denuncia o descoido do rural do goberno do PP de Viéitez. En invernos anteriores solicitaron en repetidas ocasións a suxeición dos colectores do lixo que se deitan co vento espallando os residuos e se desprazan cara á estrada co temporal e denuncian que a esta problemática se lle sume agora a falta de luz na vía pública.



