HomePontevedraCaldasO grupo socialista acusa ao alcalde de ocultar datos clave e incumprir...

O grupo socialista acusa ao alcalde de ocultar datos clave e incumprir a normativa na liquidación orzamentaria de 2024

- Anuncio -spot_img

Alberto García, voceiro municipal, lamenta que se levara a pleno no medio dun barullo de Decretos de Alcaldía

O voceiro municipal do grupo socialista, Alberto García, criticou con contundencia ao alcalde de Catoira por presentar a liquidación do orzamento de 2024 agochada entre un barullo de decretos de Alcaldía e sen a documentación específica que debería acompañala. Esta forma de proceder, segundo García, evidencia unha clara falta de transparencia e unha intención deliberada de evitar o control político sobre a xestión económica do Concello.

A liquidación presentada carece de rigor técnico e legal, omitindo datos fundamentais para avaliar a situación financeira da institución. Non se ofrece información sobre a débeda amortizada durante o exercicio, a pesar de que se recoñece unha débeda viva de máis dun millón de euros ao peche de 2024. Tampouco se inclúe o remanente de tesourería, un indicador básico da saúde económica do Concello, nin se especifica o resultado orzamentario, polo que se descoñece se o orzamento se executou con superávit ou déficit.

Ademais, a liquidación ignora a normativa vixente, concretamente o artigo 113.7 do TRLHL/06, que establece os requisitos mínimos que debe cumprir este tipo de documento. Faltan informes obrigatorios como o estado de liquidación do orzamento, o estado da débeda viva, o estado de tesourería e o informe de intervención, o que impide unha análise completa e fiable da xestión municipal.

A opacidade esténdese tamén á execución orzamentaria. Non se detalla que investimentos se realizaron, cal foi o seu custo nin se se cumpriron os prazos previstos. Non hai información sobre os gastos correntes, os gastos sociais nin os gastos en persoal, e tampouco se inclúe a execución dos ingresos, elemento clave para avaliar a capacidade recadatoria do Concello. A ausencia dos indicadores de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, obrigatorios segundo a normativa estatal, agrava aínda máis a situación.

O grupo socialista esixe ao alcalde que rectifique, que presente a documentación completa e que permita un debate serio e transparente sobre a situación económica do Concello. Catoira merece unha xestión responsable, con contas claras e políticas orientadas ao ben común, non unha administración que oculta información e toma decisións de costas á cidadanía.

Publicacións Relacionadas