O Concello promove un modelo enerxético máis sostible, participativo e eficiente e achega alternativas de aforro á veciñanza
O Concello do Rosal deu un novo paso firme cara a un modelo de convivencia e participación cidadá máis colaborativo e inclusivo. A Oficina da Enerxía organizou unha xornada de mediación comunitaria na que tomaron parte representantes de comunidades de augas e de montes, asociacións deportivas, culturais e veciñais do municipio, que amosaron a súa vontade de traballar conxuntamente polos intereses da veciñanza.
Este encontro, pioneiro a nivel local, enmárcase na aposta do Concello por promover espazos estables de diálogo e colaboración que reforcen o tecido social e impulsen proxectos transformadores. O obxectivo central da sesión foi favorecer novas canles de entendemento, mellorar a comunicación entre entidades e avanzar cara a unha cultura comunitaria baseada no respecto, a cooperación e a corresponsabilidade.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que no Rosal “temos un tecido asociativo vivo e comprometido e queremos seguir acompañándoo e fortalecéndoo. Este tipo de encontros permiten seguir xerando diálogo e colaboración, as mellores ferramentas afondar nunha participación real e construír un futuro compartido no que todas as voces teñan espazo e todas as ideas poidan sumar”.
A xornada estruturouse en varios bloques, combinando dinámicas participativas con contidos formativos. Tras unha primeira toma de contacto, desenvolveuse un bloque de aprendizaxe en mediación no que se abordaron conceptos clave sobre a resolución positiva de conflitos e a importancia da mediación como ferramenta para fortalecer o entendemento e a cohesión social.
Posteriormente realizouse unha diagnose compartida, a través dun cuestionario interactivo e dun debate grupal, que permitiu identificar preocupacións comúns, retos e oportunidades de mellora nas relacións entre entidades. O peche da sesión incluíu unha dinámica DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) conxunta, que serviu para detectar fortalezas e áreas estratéxicas de traballo colectivo para os próximos meses.
O Concello valora moi positivamente o ambiente de diálogo respectuoso, a participación activa das entidades e a vontade compartida de seguir creando espazos de cooperación. Desde a Oficina da Enerxía subliñan que este tipo de accións contribúen a fortalecer a vida comunitaria e a avanzar nun modelo de gobernanza local máis aberto, participativo e orientado ao ben común.
O municipio continuará impulsando iniciativas que favorezan unha participación cidadá real e efectiva, baseándose nun enfoque que sitúe á veciñanza e ao seu tecido asociativo, social, cultural e deportivo no centro da toma de decisións e da construción do futuro do Rosal.
As actividades están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.



