Con esta iniciativa preténdese sumar novos establecementos dos sectores Horeca (hostalería, restauración e cafeterías), alimentación (supermercados e comercio minorista), comedores (colexios, residencias) e distribución (mercados e maioristas), co obxectivo de alcanzar os 100 participantes e reforzar o compromiso dos 72 negocios que xa forman parte do programa
A Deputación de Ourense está a impulsar unha campaña de sensibilización e promoción dirixida a incrementar a participación dos grandes produtores na recollida de materia orgánica en toda a provincia. Entre as accións desenvolvidas destaca a creación dun vídeo informativo no que se amosa, de forma práctica, a dinámica que xa aplican diversas empresas nos seus procesos diarios.
O funcionamento é moi sinxelo: os negocios acumulan os seus restos orgánicos no colector marrón facilitado pola institución provincial, que posteriormente é recollido de maneira periódica polo servizo de recollida de residuos da Deputación.
Con esta iniciativa preténdese sumar novos establecementos dos sectores Horeca (hostalería, restauración e cafeterías), alimentación (supermercados e comercio minorista), comedores (colexios, residencias) e distribución (mercados e maioristas), co obxectivo de alcanzar os 100 participantes e reforzar o compromiso dos 72 negocios que xa forman parte do programa.
Desde o organismo provincial destacan os beneficios que esta colaboración supón para as empresas: unha redución do 20% no recibo do lixo, a mellora da súa responsabilidade social corporativa ao contribuír ao coidado do medio ambiente, o cumprimento da normativa vixente e o avance cara a modelos de negocio máis sostibles.
Na actualidade, a Deputación presta este servizo en 14 concellos da provincia que superan os 2.000 habitantes e teñen delegada esta competencia na institución. Porén, os datos máis recentes amosan unha participación menor da esperada, o que motivou o lanzamento desta campaña para reforzar e fomentar a correcta xestión separada dos biorresiduos.
O obxectivo final é incrementar de maneira significativa o volume de materia orgánica recollida e avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible de xestión de residuos na provincia de Ourense.
Este plan de acción reafirma o compromiso da Deputación de Ourense cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e coa implementación de políticas avanzadas en materia de residuos. Agárdase que estas medidas non só aumenten os volumes de recollida, senón que tamén impulsen a conciencia ambiental dos grandes produtores, converténdoos en pezas clave da economía circular na provincia. É unha iniciativa da Deputación de Ourense enmarcada nas axudas en materia de residuos de competencia municipal da Xunta de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea- Next GenerationEU. Plan de recuperación, transformación e resiliencia- Goberno de España.



