Ademais, o Concello tamén puxo en servizo esta mañá a base habilitada na avenida de Oza, fronte á praza da Gaiteira
O Concello puxo en funcionamento esta mañá a nova base de BiciCoruña ubicada a carón das instalacións do parque municipal de Bombeiros, na estrada de Baños de Arteixo.
Coa posta en servizo desta estación xa son tres as bases operativas no parque empresarial de Agrela, onde xa estaban habilitadas outras dúas rúas Gutemberg e Severo Ochoa. A todas elas súmase, ademais, unha base complementaria na rúa José María Rivera Corral, en Vioño, que tamén presta servizo ao polígono ao atoparse na súa contorna.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou á importancia deste incremento de bases tanto en Agrela como nas proximidades. “Se queremos reforzar a aposta pola mobilidade alternativa para desprazarse ao polígono é vital contar con percorridos ciclables como o existente en Severo Ochoa, mais tamén equipamentos como estas novas bases de BiciCoruña que poden ser moi útiles para o persoal laboral que se despraza diariamente a Agrela para acudir ao seu posto de traballo”, razoou Díaz.
Outra base operativa fronte á praza da Gaiteira
Ao abeiro do plan de expansión de BiciCoruña nos barrios da cidade, o Concello tamén puxo en servizo esta mañá a nova base habilitada preto da intersección entre a avenida de Oza e a rolda de Outeiro, concretamente fronte á praza da Gaiteira.
Non é a única base que se puxo en funcionamento no distrito nas últimas semanas, xa que recentemente tamén se dispuxo a estación que hai fronte ao Fórum Metropolitano, no cruzamento entre as rúas Río Monelos e Nicomedes Pastor Díaz.



