HomeA CoruñaO BNG reclama á Xunta que garanta médicos en Ribeira e Aguiño...

O BNG reclama á Xunta que garanta médicos en Ribeira e Aguiño e apoia a mobilización veciñal en defensa da sanidade pública

- Anuncio -spot_img

O Bloque Nacionalista Galego manifesta o seu total apoio á veciñanza e ao persoal sanitario dos centros de saúde de Ribeira e Aguiño, que veñen denunciando a falta de profesionais médicos e a sobrecarga asistencial que están a padecer a cal impide que se poida garantir unha mínima calidade asistencial aos pacientes.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, reclama que a Xunta “cubra todas as baixas e vacantes de profesionais sanitarios que se produzan nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño”, lembrando que a atención primaria é o primeiro chanzo do sistema sanitario e debe estar dotada dos medios humanos e materiais necesarios para ofrecer unha atención de calidade. “Debemos garantir a calidade asistencial. Os recortes e a falta de planificación na sanidade pública poden acarrear un empeoramento da saúde dos doentes e un deterioro xeral dos servizos esenciais”, advertiu Pérez Barral.

O alcalde nacionalista subliñou que a veciñanza e as plataformas en defensa da Sanidade levan tempo advertindo do abandono continuado da sanidade pública por parte do Goberno da Xunta en mans do PP, que provoca unha perda de profesionais e o descontento crecente da veciñanza ante demoras na atención excesivas. “Non podemos permitir que se normalice a falta de médicos nin que se degrade un servizo básico que é un dereito, non un privilexio. Se non son capaces de aplicar medidas que polo menos deberían votar a favor das iniciativas e medidas que propoñemos no BNG como ese plan de inxectar 200 millóns de maneira inmediata na Atención Primaria, recursos que permitirían mellorar a situación”, engadiu.

O BNG lembra que a situación nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño non é un caso illado, senón que forma parte dun problema estrutural que afecta a toda a comarca do Barbanza e ao conxunto do país. Por iso, a formación nacionalista rexistrarán novas iniciativas para instar á Xunta a elaborar un plan urxente de reforzo da atención primaria, con máis contratacións, melloras laborais e incentivos que permitan fixar persoal médico no rural e nas vilas costeiras.

Ademais, o BNG mostra o seu respaldo ás mobilizacións veciñais convocadas en defensa da sanidade pública, animando á veciñanza a participar activamente para reclamar un sistema sanitario digno e plenamente garantido. “A defensa da sanidade pública é unha causa común que nos une a todos e todas. É preciso alzar a voz para que o Goberno galego entenda que non imos consentir máis recortes nin desatenciónsb porque nos vai a saúde nisto”, concluíu Pérez Barral.

Publicacións Relacionadas