Reagrupáronse os contedores e retiraranse as pintadas da fachada do mercado, ademais de mellorar a iluminación
A Concellería de Mercados de Ribeira traballa na mellora da contorna do mercado municipal da cidade. Por iso, nesta semana reagrupáronse os contedores de lixo de tres puntos nun lateral da carpa municipal. Así, os colectores que estaban dispersos entre a entrada de dita carpa municipal, a parte da praza de abastos a carón da estrada e a metade da rúa Canarias, unifícanse nun único espazo. Para iso, a Administración local adecuou esta nova área destinada aos depósitos do lixo mediante a construción dunha plataforma de formigón.
Con relación a esta medida, o edil de Mercados, Vicente Mariño, indica que “este é un novo paso na mellora dunha área onde conflúe moita xente. Decidimos reagrupar os contedores para optimizar o servizo de recollida do lixo e tamén para que a cidadanía dispoña dos colectores máis habituais, como o da fracción resto, envases e papel/cartón, nun mesmo punto. Ademais, gañamos varias praza de aparcamento nas proximidades da propia praza de abastos e de varios comercios locais.”
Pero na folla de ruta a seguir focalizada no mercado municipal, contémplanse outra serie de accións sobre a iluminación e a fachada.
“En vindeiras datas tamén retiraremos as pintadas da fachada desta dependencia municipal e repararase as fontes luminosas que hai no perímetro da praza de abastos para maior visibilidade agora que os días son máis curtos. E, por suposto, cara a época do Nadal tampouco faltará a decoración propia destas datas”, en palabras do concelleiro.



