HomeA CoruñaA Coruña reivindica a pegada histórica de Castelao cunha exposición urbana na...

A Coruña reivindica a pegada histórica de Castelao cunha exposición urbana na Praza de Lugo

- Anuncio -spot_img

A mostra promovida pola Fundación Castelao lembra os vínculos do político e artista co movemento galeguista e coa cidade herculina

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta tarde na Praza de Lugo na presentación da exposición urbana sobre a pegada de Castelao na cidade da Coruña, unha iniciativa promovida pola Fundación Castelao co apoio do Concello da Coruña no marco das actividades do Ano Castelao.

A mostra componse dunha serie de cubos expositivos que, a través de imaxes e textos breves, recollen os principais momentos da relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao coa cidade, desde as súas primeiras visitas como estudante e tuno, ata a súa intensa actividade política, artística e intelectual na capital herculina entre 1906 e 1936.

Durante o acto, Gonzalo Castro destacou “a importancia de manter viva a memoria dunha figura clave para o galeguismo, que atopou na Coruña un espazo de acollida, difusión e compromiso co país”. O concelleiro subliñou tamén o apoio decidido do Goberno de Inés Rey “a proxectos culturais que achegan á cidadanía figuras que son referencia ética e política, como Castelao, cun discurso de vixencia incuestionable”.

A exposición, que permanecerá instalada na Praza de Lugo durante as vindeiras semanas, ten un formato accesible e urbano, e busca pór en valor fitos como as exposicións artísticas nas que participou Castelao na cidade, a súa colaboración coa prensa local ou a súa intervención en momentos clave da historia política e cultural de Galicia, como a Asemblea das Irmandades da Fala ou a campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O soporte expositivo desta mostra foi recoñecido cun premio europeo de deseño, un feito que engade valor a unha proposta que combina contido histórico cun formato visual atractivo e contemporáneo.

No acto estiveron tamén presentes Iran Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que cofinancia a mostra; e outros representantes do mundo da cultura.

Esta exposición súmase á programación conmemorativa do 75 cabodano de Castelao, e forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe un percorrido urbano pola cidade centrado na súa figura, impulsado pola Fundación Castelao en colaboración co Concello da Coruña.
A iniciativa entronca coas políticas de defensa e promoción da cultura galega que está a desenvolver o Goberno de Inés rey, que abarcan desde a aprobación da primeira ordenanza de uso do galego ata a programación cultural de artistas locais e galegos, entre outras.

Publicacións Relacionadas