HomeXunta de GaliciaA Xunta ofrece un cofinanciamento coa Deputación e os praceiros para desbloquear...

A Xunta ofrece un cofinanciamento coa Deputación e os praceiros para desbloquear o futuro da praza de abastos nº1 tras a negativa do concello a participar

- Anuncio -spot_img
  • Tras a reunión con representantes da Deputación de Ourense e da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza, José González ofreceu un cofinanciamento a tres para suplir o que debería facer o Concello nun edificio de titularidade municipal
  • Mantén os comprometidos 1,4 M€ da Xunta para as obras de adecuación, a Deputación poría 200.000 € e os praceiros 400.000 €, a cambio de que o Concello prorrogue a concesión da Praza para amortizar este investimento, cuestión recollida no contrato
  • O conselleiro agradeceu o compromiso de Deputación e praceiros para reabrir canto antes a Praza de Abastos, e puxo en valor esta colaboración fronte ao posicionamento actual do goberno municipal, que ameaza con desafiuzar os praceiros e praceiras
  • Reafirmou a man tendida e sinalou que a través da nova proposta Xunta, Deputación e praceiros —que xa contrataron o novo proxecto de obras— chegarían aos 2 M€ e o Concello non tería que achegar “nin un euro” ás actuacións para recuperar o edificio

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo esta tarde un encontro co deputado provincial Rosendo Fernández e con representantes da xunta directiva da Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos Nº1 de Ourense para avaliar a situación da Praza de Abastos tras a ameaza do Concello de desafiuzar os praceiros e praceiras. Tras a reunión, o conselleiro reafirmou que o Goberno autonómico mantén a man tendida ao Concello co obxectivo de proporcionar unha saída racional a este conflito e desbloquear o futuro da Praza, ofrecendo un cofinanciamento a tres bandas xunto a Deputación e os propios praceiros para, ante o posicionamento do Concello, acometer sen a achega municipal as obras de adecuación do edificio —de titularidade municipal— que permitan recuperar, canto antes e con todas as garantías, a Praza e a Alameda.

Coa reunión de hoxe, escenificouse a colaboración entre Xunta, Deputación e praceiros para avanzar nun camiño compartido “por todo Ourense”, en resposta a un posicionamento do alcalde que, segundo o conselleiro, hoxe ameazou co desafiuzamento como un novo punto dunha cronoloxía na que lembrou cuatro cuestións: “O Concello é responsable da Praza, que leva seis anos e medio pechada coa Alameda ocupada por responsabilidade do goberno municipal; o edificio está inacabado, facendo inviable o retorno dos praceiros sen acometer antes as obras de adecuacion; a Xunta ofreceu en maio de 2024 consensuar un plan funcional e cofinanciar as obras e, dende entón, o alcalde leva ano e medio instalado nunha sucesións de nons, con argumentos cada vez máis fráxiles e no que chega a romper un acordo asinado a tres bandas no que se comprometía a cofinanciar as obras. Todo para tratar de xustificar o seu posicionamento previo, enfrontándose a todas as familias da súa cidade e prefira xudicializar o conflito, con consecuencias sen medir, en lugar de chegar a acordos polo ben común”.

Proposta de Xunta, Deputación e praceiros

O conselleiro detallou hoxe aos medios a última proposta trasladada ao Concello para tratar de desbloquear o conflicto, “que solucionaría a negativa do Concello a achegar nin un euro nun edificio que é municipal”. En concreto, o Goberno autonómico mantería o apoio comprometido de 1,4 millóns de euros para cofinanciar as obras (1,2 M€ consignados nos Orzamentos de 2026 e a reserva de 200.000 € para 2027), a Deputación de Ourense colaborararía con 200.000 euros e os praceiros e praceiras completarían o presuposto previsto cos 400.000 euros restantes.

González agradeceu o compromiso de Deputación e dos propios praceiros —que, ademais, xa contrataron o proxecto das obras do mercado—. Entre as tres partes, remarcou, suplirían a falta de financiamento do Concello, que en contraprestación só debería prorrogar a concesión aos comerciantes, unha cuestión recollida no contrato vixente de concesión, tal e como lembrou o conselleiro, que sinalou que é “tan legal como lóxico” solicitar esta condición para poder amortizar a súa achega: “Que concesionario non pediría esta prórroga, recollida no contrato, para asumir un investimento de 400.000 euros?”.

O conselleiro detallou que, chegado o momento, si sería o Concello o que asumiría as obras de accesibilidade do edificio, cuestión de competencia municipal. “Recoñecendo, polo tanto, as eivas na accesibilidade, tal e como levamos sinalando dende o inicio da negociación”, resaltou González. 

Unha situación “completamente inédita”

O titular de Emprego definiu o comunicado de hoxe do alcalde como unha senrazón, sinalando o inédito da situación. “O alcalde está a danar un proxecto que debería ser tractor para Ourense, ao insistir nunha posición na que semella que as cuestións persoais están a prevalecer sobre o ben común, cargando contra comerciantes da súa cidade, e que son os primeiros que queren volver á Praza, como demostran coa súa oferta de cofinanciamento”. E fixo unha pregunta: “Que alcalde, de calquera cidade, cun edificio de titularidade municipal, ofrecénlle os concesionarios dun edificio municipal asumir eles xunto a outras administracións o cofinanciamento das obras necesarias para recuperalo e, no lugar de asinar, prefire rexeitar o acordo e xudicializar a cuestión?”.

O conselleiro quixo reafirmar unha vez máis, a vontade de colaboración de Xunta, Deputación de Ourense e praceiros.  Concluíu que non concibe “que o Concello prefira ir a unha guerra xudicial cunha ameaza de desafiuzamento”, afectanto tanto os praceiros como a clientela da Praza, en lugar de avanzar nun obxectivo compartido. Por iso, e en contraposición, reafirmou a man tendida do Goberno galego para desbloquear dunha vez por todas este conflito.   

Publicacións Relacionadas