HomePontevedraO BNG de Vigo propón que o Concello invista 285 mil euros...

O BNG de Vigo propón que o Concello invista 285 mil euros en Bembrive

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista inclúe na súas emendas aos orzamentos municipais de 2026 unha batería de medidas destinadas a investimentos na parroquia

Xabier P. Igrexas: “O único que lle ofreceu o PSOE de Caballero a Bembrive foi a sucesión de alcaldías pedáneas marcadas pola corrupción, con dous ex alcaldes condenados e un deles en prisión, e unha xestión nefasta”

Roberto Fernández: “Se o compromiso co rural é auténtico, Bembrive debe ser punta de lanza da recuperación das parroquias”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Pleno do Concello de Vigo, convocado para este venres, dedicar 285 mil euros para investimentos na parroquia de Bembrive nos orzamentos municipais do vindeiro ano 2026. Así se recolle nas emendas parciais formuladas pola fronte nacionalista ao proxecto de contas.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que con esta iniciativa “queremos poñer fin ao abandono” que padece a parroquia. “O único que lle ofreceu o PSOE de Caballero a Bembrive foi a sucesión de alcaldías pedáneas marcadas pola corrupción, con dous ex alcaldes condenados e un deles en prisión, e unha xestión nefasta. É hora de que a cidade deixe de virarlle as costas a unha parroquia tan importante”, enfatizou.

Igrexas inscribiu estas propostas dentro da aposta do BNG para que os orzamentos municipais do vindeiro ano sirvan “para poñer fin dunhas vez por todas ao abandono que padecen o conxunto dos barrios e parroquias, un abandono que se fai sentir de maneira especialmente grave en Bembrive”.

No concreto, as propostas do BNG procuran dar resposta ás necesidades dotacionais de Bembrive así como recuperar para uso público elementos patrimoniais de grande valor. “Queremos transformar a zona dotacional U.10, prevista no novo PXOM, nun espazo útil, vivo e sostible. Trátase dun terreo situado enfronte do Centro Cultural Helios, reservado para usos socioculturais e ambientais que cómpre planificar con ambición desde xa”, debullou o responsábel do BNG en Bembrive, Roberto Fernández Vila.

Fernández remarcou a necesidade de dotar á parroquia de novos equipamentos, recuperar o patrimonio hidráulico e cultural, así como integrar Bembrive como punto oficial do Camiño de Santiago e preservar as Casas da Fraga, un núcleo medieval de gran valor histórico que, malia estar en mans privadas,merece ser activado e protexido.

“Son actuacións realistas, con orzamento definido e impacto directo na vida da parroquia. Se o compromiso co rural é auténtico, Bembrive non só debe estar presente: debe ser punta de lanza da recuperación das parroquias e do Vigo rural”, remachou.

Propostas

As emendas nacionalistas propoñen que se elabore o proxecto para a prometida Escola municipal de música na parroquia, atendendo unha longa demanda veciñal (45 mil euros); dotar a Comisión de Festas dun local social (55 mil euros para proxecto e primeira anualidade); recuperar a Casa das Augas como aula ambiental sobre o ciclo da auga do río Eifonso (15 mil euros para o proxecto); e desenvolver un proxecto para a protección patrimonial das Casas da Fraga (10 mil euros).

Aliás, demandan estudar a integración de Bembrive na variante do Camiño de Santiago da Nosa Señora do Norte (10 mil euros) e dotar a parroquia dun novo espazo multifuncional para albergar un Museo da Historia de Bembrive, Oficina da Auga e Oficina do Peregrino (50 mil euros para a primeira anualidade).

Unha das propostas máis ambiciosas do BNG na parroquia é despregar un programa de actuacións ambientais e paisaxística, co obxectivo de transformar a zona dotacional U.10 nun “espazo vivo, útil e sostíbel” que combine servizos veciñais, memoria histórica, proxección turística e recuperación ambiental, consolidando Bembrive como parroquia “activa, cohesionada e con identidade propia”.

Con ese obxectivo propoñen como actuacións concreta a recuperación da contorna inmediata do río Eifonso, a creación dun bosque de ribeira, a conexión directa co Sendeiro do Eifonso – Ruta dos Muíños e co Camiño da Nosa Señora do Norte, así como a integración paisaxística das infraestruturas no entorno natural.

Publicacións Relacionadas