HomeOurenseOurenseO alcalde cualifica de “proposta trampa” a realizada polos comerciantes para trasladarse...

O alcalde cualifica de “proposta trampa” a realizada polos comerciantes para trasladarse ao edificio rehabilitado

- Anuncio -spot_img

“Hai un convenio firmado que hai que cumprir”, manifesta Pérez Jácome

“Non podes compensar a quen xa compensaches”, asegura o rexedor, que lembra que o Concello xa ampliou en 7 anos a concesión e sufragou o edificio provisional da Alameda

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, considera “unha proposta trampa” a realizada onte polos comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense en relación ao traslado dos seus postos de venda, actualmente instalados na Alameda, ao edificio rehabilitado do mercado municipal.

Nunha xunta de portavoces que se desenvolveu esta mañá na Alcaldía, a petición do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Pérez Jácome informou os grupos municipais da folla de ruta que prevé seguir o goberno municipal logo de que os comerciantes non presentasen en prazo o proxecto que lles requiriu o Concello para trasladar os seus postos.

O alcalde considera “unha proposta trampa” a realizada no día de onte polos comerciantes, na que manifestaban a súa intención de cofinanciar, xunto coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, os custos de execución do proxecto de traslado, pero establecendo como condición que se estendese o prazo da concesión do contrato de xestión da praza.

Pérez Jácome discrepa desta fórmula: “ampliar o prazo é unha proposta trampa, porque eles xa tiveron unha compensación por parte do Concello, de 7 anos de extensión do prazo do contrato da súa concesión máis un investimento de 700.000 euros por parte do Concello para o edificio provisional da Alameda onde desenvolven a súa actividade. Non podes volver compensar o que xa lles compensaches”, subliña o rexedor, quen conclúe “aquí hai un convenio que cumprir”, en relación ao asinado cos comerciantes. A xuízo do alcalde “estamos ante unha manobra dilatoria máis, que o único que pretende é retrasar o traslado. Os praceiros están moi cómodos na actual localización na Alameda”

A xuntanza rematou cun “rifirrafe” segundo explicou Pérez Jácome: “o portavoz do BNG, Luis Seara, antes de saír da Alcaldía dixo: a rañala! e tivemos un rifirrafe porque me parece totalmente improcedente e indigno dun portavoz dun partido político”, manifestou o rexedor.

Publicacións Relacionadas