As historias cotiás e os recordos da veciñanza de Oia vólvense protagonistas este domingo na estrea da peza documental Novas cantigas oienses, un proxecto que busca rescatar, preservar e celebrar a memoria colectiva local. A proxección do vídeo terá lugar este domingo 16 de novembro dentro da programación da Semana Cultural de Pedornes. A cita será ás 19.00 horas no Centro Cultural, con entrada libre ata completar aforo.
Ao longo de dous meses e medio de intenso traballo, os creadores Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez deron forma a unha peza audiovisual na que os rostros, as voces e as paisaxes de Oia se entrelazan nun relato colectivo cheo de sensibilidade. Máis ca un documental, Novas cantigas oienses suporá unha auténtica experiencia estética e emocional que convida a mirar o territorio e a súa xente cunha nova ollada.
O Concello financiou o documental Novas cantigas oienses a través da convocatoria de 2025 das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, e con fondos propios. Co impulso a esta peza audiovisual, a administración local quere promover o emprego, difusión e creación cultural en galego, destacando a súa riqueza a través da inclusión de xiros locais e variedades xeográficas da lingua do Baixo Miño. Ao mesmo tempo, o proxecto defende a creación cultural desde o local como acto de resistencia fronte a procesos de homoxeneización da cultura.
A proposta funciona como unha sorte de mosaico de lembranzas nas que é doado percibir o fondo espírito comunitario que priorizou a filosofía do proxecto de Nacho Álvarez e Ana Belén Jarrín. Así, graváronse un total de 30 retratos e entrevistas a persoas maiores (de entre 85 e 97 anos), celebráronse catro xuntanzas nas diferentes parroquias de Oia e outras persoas colaboraron compartindo os seus instrumentos, fotografías, ferramentas e labores cotiás.
A participación e implicación veciñal non só quedou reflectida na parte visual da peza, senón que tamén está presente no aspecto sonoro. Nese sentido, o documental inclúe varios fragmentos de pezas musicais interpretados por agrupacións locais como as Pandeireteiras de Burgueira, os Ranchos de Reis de Torroña, A Fiada de Viladesuso e Tra-lo Mosteiro.



