HomeXunta de GaliciaÁngeles Vázquez salienta a contribución de forestal del atlántico ao medio ambiente...

Ángeles Vázquez salienta a contribución de forestal del atlántico ao medio ambiente co seu proxecto para producir metanol con hidróxeno renovable e CO2

- Anuncio -spot_img
  • A conselleira subliña que este tipo de actuacións contribúen ao obxectivo galego de acadar a neutralidade climática en 2040 pois reducirá as emisións de gases de efecto invernadoiro ao usar o dióxido de carbono para crear un novo produto
  • O Executivo galego destaca que a economía circular é tanto unha oportunidade de negocio como unha realidade en Galicia, como demostra esta iniciativa

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da empresa Forestal del Atlántico en Mugardos, onde puxo en valor o seu compromiso coa economía verde e co medio ambiente co proxecto Triskelion, que está a desenvolver para producir metanol con hidróxeno renovable e dióxido de carbono (CO2).

A responsable autonómica destacou que este tipo de actuacións contribúen ao obxectivo galego de acadar a neutralidade climática en 2040 pois a compañía reducirá as emisións de gases de efecto invernadoiro ao empregar o CO2 para producir un novo produto, apostando pola economía circular.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, subliñou que se trata do primeiro proxecto industrial estratéxico (PIE) aprobado pola Xunta, que se desenvolverá en tres fases co fin de alcanzar unha produción anual de 52.000 toneladas de metanol verde.

Na primeira fase -xa completada- procedeu á substitución de catro motores da anterior planta de coxeración por dous máis potentes e eficientes que usan como combustible o gas natural, o que permite reducir as emisións á atmosfera. Agora, na segunda fase, construirá unha planta de captación de CO2, outra de licuefacción de osíxeno e unha terceira de xeración de hidróxeno verde.

Por iso, a conselleira puxo en valor o bo facer de Forestal del Atlántico como referente na protección do medio ambiente, adaptándose aos novos criterios de sostibilidade apostando pola innovación, a economía circular e o emprego verde. Nesta liña, destacou que a economía circular xa non é só unha oportunidade en Galicia, senón unha realidade, grazas á vontade da Administración autonómica e ao esforzo do seu tecido empresarial.

Ángeles Vázquez tamén enxalzou o grado de cumprimento da empresa cos criterios medioambientais establecidos para os seus proxectos así como o seu compromiso neste eido, como demostra o feito de que estea adherida ao Sistema de Auditoría e Xestión Ambiental (EMAS), do que é responsable en Galicia a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Publicacións Relacionadas