O presidente provincial, subliñou que “non estamos a falar dun capricho, senón dunha infraestrutura esencial que permitirá mellorar a competitividade das empresas, atraer investimento e conectar o potencial industrial de Ourense co resto de España e de Europa”
O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na Asemblea da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, onde destacou o papel estratéxico deste parque empresarial —o máis antigo de Galicia e que celebra este ano o seu 60º aniversario— como motor económico da provincia e un dos espazos produtivos máis relevantes da comunidade.
O polígono reúne 432 empresas e máis de 8.500 traballadores, cifras que consolidan a San Cibrao como o principal foco industrial da provincia e un exemplo de xestión municipal de solo empresarial: o 71% das empresas do concello están asentadas nos seus parques, cunha facturación global de 1.660 millóns de euros e 5.718 empregos directos.
O presidente subliñou que a futura Estación de Mercadorías Ferroviarias de San Cibrao non é “un capricho, senón unha necesidade estratéxica” para garantir a competitividade e modernización do tecido industrial ourensán. Esta infraestrutura permitirá reducir custos loxísticos, ampliar conexións con España e Europa e reforzar a posición industrial dun ecosistema produtivo que inclúe tamén os polígonos de Barreiros, Pereiro de Aguiar e Seixalbo, que suman conxuntamente máis de 560 empresas, 12.500 empregos e 6,5 millóns de metros cadrados de solo industrial. Precisamente, o 90% das mercadorías que se moven na provincia parten actualmente de San Cibrao, polo que a localización da terminal ferroviaria é considerada “a máis idónea”, ao aproveitar a conexión coa liña Zamora-Ourense e o AVE, tal e como explicou Menor.
Durante a súa intervención, o presidente provincial destacou o apoio institucional a este polígono, poñendo como exemplo a recente licitación da ampliación do parque empresarial de San Cibrao por parte da Xunta, poñendo tamén en valor o Estacionamento Seguro xa operativo neste polígono, cun investimento de medio millón de euros, asumindo a institución provincial o 40% do seu custe.
Ademais, lembrou o traballo da Deputación no impulso doutras áreas industriais da provincia, como Carballiño-Maside, Pereiro de Aguiar, Xinzo de Limia e Paderne de Allariz, dentro dunha “planificación global e cooperativa de equilibrio territorial”.
Apoio da Deputación á competitividade empresarial
O presidente salientou os programas provinciais que reforzan a internacionalización e dixitalización das empresas, como ExportOU, en colaboración coa CEO, así como o Proxecto AcelerOU (Acelera Pyme), que permitiu avanzar na transformación dixital de preto de 300 pequenas empresas e autónomos. A isto súmase o programa EmprendOU en feminino, co que este ano se apoiou a 74 emprendedoras, maioritariamente do rural.
Compromiso inequívoco
O presidente da Deputación reafirmou o compromiso económico da institución para apoiar a redacción do proxecto construtivo da futura terminal ferroviaria, reafirmando que se trata dun proxecto “de provincia, que require o compromiso do Goberno de España e no que a Xunta xa deu pasos firmes”.
“Ourense non quere ser un territorio de paso, senón un territorio de destino e oportunidade”, destacou, lembrando que esta infraestrutura “é un símbolo da ambición colectiva dunha provincia que, cando traballa unida, é capaz de facer realidade o que parecía imposible”.
O presidente concluíu felicitando aos empresarios pola súa traxectoria e compromiso e asegurou que a Deputación estará “ao seu lado en cada paso deste proxecto que marcará o futuro industrial de Ourense”.



