Luis Menor presentará o mércores a proposta de orzamentos da institución para o próximo exercicio, cun incremento do 5,11 % e 5.375.000 euros máis con respecto ao presente ano
O Plan CooperOU, piar dos orzamentos, reflíctese nos capítulos IV, de transferencias correntes, dotado con máis de 11,4 millóns de euros (11.415.000 M€), e no capítulo VII de Investimentos, con máis de 7,6 millóns (7.610.000 M€). En total, 19 millóns
O equipo de goberno de Luis Menor presentará o próximo mércores na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos a proposta de orzamentos da institución para 2026, que supera os 110,4 millóns de euros (110.475.000), cun incremento do 5,11 % e 5.375.000 euros máis con respecto ao exercicio actual.
Tal e como adiantou Luis Menor na súa recente comparecencia no Parlamento de Galicia, estes orzamentos teñen o seu piar fundamental no Plan CooperOU que aumenta ata os 19 M€, un millón máis que neste ano. O plan de cooperación reflíctese nos capítulos IV, de transferencias correntes, dotado con máis de 11,4 M€ (11.415.000), e no capítulo VII de Investimentos, con máis de 7,6 M€ (7.610.000).
Os orzamentos de 2026 destinan ao capítulo II, de gastos correntes en bens e servizos para o funcionamento da Deputación, unha partida de 28,63 M€. Entre os conceptos máis destacados neste capítulo figura a área de Medio Ambiente (cos servizos relacionados co ciclo da auga, tratamento do lixo e zonas verdes), que contará con 8,6 M€.
Para Vías e Obras, xunto co parque de maquinaria e cooperación, a cantidade dispoñible será de case 4 M€. Tamén destacan Cultura (3,1 M€), Deportes (preto de 1 M€) e Benestar (1,2 M€), nun capítulo onde a área de Transparencia e Goberno Aberto experimenta un importante incremento hasta alcanzar los 3,3 M€.
Unha cantidade que procede dos recursos captados pola Deputación no marco dos fondos europeos Next Generation para os proxectos de turismo “Ourense, cerca de ti” (1,3 M€); o padrón on-line para os concellos (1,3 M€); e o plan de capacitación dixital (700.000 €).
Transferencias correntes
O capítulo IV, de transferencias correntes, conta con 20,82 M€, un 18,85% do orzamento xeral. Neste capítulo figura a dotación económica do Consorcio contra Incendios e de Salvamento (CIS), que agora disporá de 750.000 € e completará a súa asignación na modificación de crédito de abril; o INORDE (2,4 M€); acción social co Servizo de Axuda no Fogar e iniciativas con entidades (2,3 M€, quedando 750.000 para a próxima modificación); fomento para o deporte, que inclúe o Club Ourense Baloncesto (1,1 M€, cantidade que se completará cunha achega de 450.000 tamén en abril); Protección Civil (1,6 M€, dos que a metade irán na próxima modificación); Cultura, que alcanza os 720.000 euros, incluíndo os 250.000 destinados ao OUFF; e a xa mencionada parte correspondente ao Plan CooperOU (11,4 M€).
Investimentos reais
Polo que respecta a investimentos reais (capítulo VI), o próximo ano a Deputación de Ourense contará con 9,80 M€. Isto implica un peso sobre o total xeral do 8,87 %.
Entre as partidas incluídas neste apartado compre subliñar os 4,5 M€ para o mantemento e mellora dos 1.850 quilómetros de estradas provinciais, coa previsión de sumar 5 millóns máis na próxima modificación de crédito. Tamén figuran augas e medio ambiente (1,6 M€, quedando dous millóns para abril); Cultura e Deporte (933.000 €); Informática e Transparencia (947.000 €); ou o parque móbil e de maquinaria (máis de medio millón).
Transferencias de capital
No capítulo VII, transferencias de capital, a cantidade consignada para o próximo ano é de 8,56 M€, cunha suba do 18,23% e un 7,75 % do orzamento xeral. A meirande parte, como quedou reflectido, está destinada ao plan CooperOU (7,6 M€).
Outras cantidades a citar son a achega da Deputación aos regantes da Limia para subvencionar a viabilidade financeira do plan de regadío nesta comarca (500.000 €); as melloras de abastecemento de auga, en convenio coa Xunta de Galicia, na ETAP de Melias, en Pereiro de Aguiar; e 200.000 € para o pavillón de deportes de Ribadavia.
Capítulo de persoal
O capítulo primeiro, correspondente a persoal, prevé unha partida de 42 M€, onde se inclúen 1,2 M€ para a actualización salarial que está pendente do goberno central: un 2 % do ano 2024 e outra porcentaxe igual de 2025. Tamén figuran 1,1 M€ polo aumento do persoal laboral supramunicipal destinado fundamentalmente á recollida de lixo, así como tamén a carreira profesional con case 500.000 € anuais.



