O presidente provincial asegurou que a Deputación financiará o 70% da actuación, cun investimento de 318.000 euros, e o concello o 30% restante, achegando 136.300 euros
Luis López anunciou en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Meaño para a humanización e mellora da seguridade viaria na rúa Campo da Feira, na contorna a Casa Consistorial, por valor de 454.300 euros. O presidente asegurou que o organismo provincial financiará o 70% da actuación, cun investimento de 318.000 euros, e o concello o 30% restante, achegando 136.600 euros.
En liñas xerais, esta actuación contempla a execución dunha zona de convivencia con plataforma única e prioridade de uso peonil entre o punto quilométrico 0+000 e o 0+100 da estrada provincial EP-8303 Meaño-Dena, onde se empregarán materiais nobres para a súa execución como, entre outros, lousas e lastros de pedras. Ademais, intervirase nunha vía transversal localizada na marxe esquerda da rúa Campo da Feira, así como nunha zona de acceso a diferentes parcelas onde se executará unha zona de convivencia con plataforma única con formigón e lousas de pedra.
Tamén se dotará ao novo espazo público de mobiliario urbano actual e de deseño e de elementos vexetais, instalando un sistema de rego automático. E completarase a actuación renovando e actualizando a rede de recollida de augas pluviais, reubicando elementos de iluminación pública e instalando novo alumeado nas beirarrúas da zona sur.



