HomePontevedraO BNG de Vigo afea o non do Goberno de Caballero ás...

O BNG de Vigo afea o non do Goberno de Caballero ás 198 alternativas para mellorar os orzamentos

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista critica o rexeitamento a propostas en vivenda, política social, emprego, violencia machista, contra o abandono dos barrios e parroquias, a emerxencia climática, a mellora dos servizos públicos, a cultura, o deporte e para a mocidade

Xabier P. Igrexas: “Máis que contas o que aproban é un conto vello e coñecido, escrito no  papel mollado duns orzamentos que non executarán como nos últimos anos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) afea o voto en contra do Goberno municipal ás 198 emendas parciais formuladas aos orzamentos para o vindeiro ano 2026, durante o Pleno do Concello de Vigo celebrado este venres para a aprobación inicial. As alternativas nacionalistas buscaban “mellorar” un proxecto de contas de Abel Caballero que consideran “pura inercia e máis do mesmo”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou o non do Goberno local a todas as propostas, unha boa parte delas demandas recollidas pola fronte nacionalista nun proceso participativo co tecido asociativo e da veciñanza. “Estas 198 negativas non responden a motivos técnicos ou legais, son políticos, porque non o queren facer”, criticou en resposta aos argumentos do concelleiro de Facenda.

Entre as emendas do Bloque, por valor de case 31 millóns de euros, puxo en valor medidas para atender necesidades e problemas como a vivenda, a política social, o emprego, a violencia machista, o abandono dos barrios e parroquias, a emerxencia climática, a mellora dos servizos públicos, a cultura, o deporte e destinadas á mocidade. “Son a demostración de que si hai alternativa e de que o cambio necesario é posíbel na nosa cidade”, destacou.

Igrexas contrapuxo o proceso participativo co que o BNG elaborou estas alternativas, incorporando achegas do tecido asociativo e da veciñanza, co “capricho” do alcalde Abel Caballero que, reprochou, elaborou un ano máis os orzamentos “en réxime de monólogo xordo, sen dialogar con ninguén”, acusando o rexedor de “vivir encastelado no seu palacio de cristal, de costas á realidade da cidadanía”.

Fronte a isto, dende o Bloque insistiron en que os recursos económicos do Concello son da cidade e non do Goberno de Abel Caballero. “Son de todas as viguesas e vigueses”, afirmou o portavoz nacionalista, chamando a facer dos orzamentos un “instrumento útil para atender as necesidades reais da veciñanza en lugar de política aparencial, de grandes anuncios e promesas que logo acaban en nada”.

500 millóns sen gastar

Cuestionou a ese respecto a inexecución “olímpica” das contas municipais, xerando cada ano máis remanentes que, a xuízo de Igrexas, evidencia a “falla de xestión dun Goberno reducido a autobombo e propaganda”. Tachou de “inaceptábel que deixe millóns, millóns e millóns” sen gastar (un acumulado de 500 nos últimos anos e cunha previsión de 98 este exercicio) cando na cidade “hai tanto por facer, tantas necesidades desatendidas, uns servizos públicos insuficientes e un evidente abandono dos barrios e parroquias”.

Por este motivo, explicou Igrexas, as 198 emendas do Bloque aspiraban a un “xiro de 180 graos” nas contas municipais do vindeiro ano, apostando por unha cidade socialmente xusta e igualitaria, habitábel e verde, con medidas para reforzar as políticas de vivenda, cultura, deporte e para a mocidade. “É momento de construír un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG”, afirmou no Pleno.

Vivenda, política social e feminismo

O portavoz municipal do BNG destacou algunhas das principais propostas das 198 emendas formuladas. Entre elas, duplicar a partida das axudas sociais municipais (de 1,3 a 2,6 millóns), aumentar o Plan Municipal de Emprego (até os 3 millóns) e medidas para atender o grave problema da vivenda como un Plan Facilitador do Alugueiro (3 millóns), un programa de alternativas habitacionais para persoas en risco de desafiuzamento (1,5 millóns) e dotar de máis recursos a futura Empresa Municipal de Vivenda (até 5 millóns).

A respecto da política social, Igrexas lamentou que un Goberno “presuntamente progresista” teña recortado case á metade os recursos destinados a axudas sociais municipais mentres disparou un 151% os gastos en luces e adornos nos últimos 5 anos, malia que unha de cada cinco persoas na cidade está en risco de exclusión e pobreza. Por este motivo, o BNG propuña incrementar os recursos destinados para facer do Concello un “parapeto social”.

En materia de políticas feministas, a fronte nacionalista apostaba por convertelas nunha “prioridade municipal”, incrementando as partidas en máis de 1,2 millóns para reforzar o do Plan de Igualdade, as campañas contra a violencia machista (ás que só se destinan 3 mil euros), a posta en marcha dun Plan de Apoio aos Coidados, un Programa de apoio a mulleres en situación de violencia machista, a prometida Estratexia Local para a abolición da prostitución e a creación de dous novos puntos de información ás mulleres.

Cidade máis habitábel e verde

Outro dos focos das propostas do Bloque buscaba que Vigo avanzase cara a unha “cidade máis habitábel e moito máis verde”. Nese obxectivo, chamaban a poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias cun incremento do plan de mantemento de beirarrúas; despregando o que denominan como ‘Plan Cidade’, cunha partida de 2 millóns incrementada posteriormente con remanentes; un programa piloto de orzamentos participativos; e investindo 450 mil euros nos cascos históricos da cidade.

No capítulo de medio ambiente, as nacionalistas propuñan un Plan municipal de resposta á emerxencia climática; a creación do prometido Anel Verde nos montes e máis recursos para o mantemento dos parques forestais; a creación dunha Oficina Municipal de Enerxía, o despregamento de sendas públicas no litoral e un Plan de promoción e protección do arboredo “que garde dunha vez por todas a motoserra do alcalde leñador”.

Para o BNG unha cidade máis habitábel precisa tamén de “máis e mellores servizos públicos”, polo que piden mellorar o transporte colectivo, a creación dunha empresa pública municipal de servizos e a elaboración dun estudo para remunicipalizar o autobús urbano, a auga, a recollida do lixo ou o mantemento dos parques e xardíns. “Para poñer fin ao feito de que 2 de cada 3 euros do orzamento do Concello vaian parar aos petos de contratas e empresas concesionarias”, explicou o portavoz municipal.

Máis cultura, deporte e políticas para a mocidade

Igrexas asegurou que o “desgoberno” de Abel Caballero “castigou” con especial incidencia a tres ámbitos que para as nacionalistas son de “vital importancia”: a cultura, o deporte e as políticas para a mocidade.

En materia cultural, as emendas do Bloque recollían proxectos como converter unha abandonada factoría de pinturas na Fábrica Cultural de Teis, dotar de máis recursos a rede museística, recuperar programas como Vigo a Escena ou o MoveVigo, poñer en marcha unha grande Semana da Literatura en Vigo, novos festivais internacionais de Teatro, Folk e música galega, e un ambicioso programa de residencias artísticas.

Igrexas defendeu tamén que o Concello sexa un axente activo en favor da plena normalización da lingua galega. Nese camiño, defendeu a necesidade dun Programa de promoción do galego, que o Concello se reincorpore na Rede Apego ou que se cree un distintivo para promocionar os estabelecementos comerciais que utilizan o galego.

No ámbito deportivo, o Bloque demandaba deixar atrás a “nefasta xestión” dos últimos anos cun aumento de case 1,4 millóns de euros nos recursos para a mellora das instalacións deportivas, que aseguran están nun “estado lamentábel”, avanzar na reforma integral da pista de atletismo, dotar a cidade dun campo de béisbol e outro de rugby, e mellorar as escolas deportivas municipais.

A fronte nacionalista fixo especial fincapé na necesidade de volver situar Vigo como un referente nas políticas xuvenís, despois do peche de proxectos como o Súbete ó Castro, o Punto Xove, o recorte en Vigosónico ou na Casa da Xuventude. “As mozas e mozos merecen moito máis que un alcalde meme que se viraliza tentando bailar break dance”, ironizou, defendendo políticas que permitan á mocidade emprender o seu proxecto de vida con medidas concretas para facilitar o acceso á vivenda e ao emprego.

Publicacións Relacionadas